A práctica totalidade dos veciños de Figueiras terán cobertura de Internet antes de rematar o ano

mércores, 15 de febreiro do 2012 Redacción

O Plan de Banda Larga da Xunta permitirá que, a finais de 2012, a práctica totalidade dos veciños de Figueiras teñan posibilidade de conectarse á Internet. Esta parroquia é unha das 27 pertencentes ao Concello de Santiago que presentaba unhas porcentaxes de cobertura máis baixas.
A finais de 2009, antes do inicio do Plan, só o 10,6% dos veciños contaba con cobertura de banda larga de calidade. Desde setembro pasado, cando se iniciou o despregamento de redes 3G na zona, conseguiuse elevar esta porcentaxe ata o 37%. Esta actuación do Plan de Banda larga posibilitará que, a finais de ano, esta porcentaxe se achegue practicamente todos os veciños. Para aquelas zonas ás que non se chegue con esta tecnolóxica, está prevista a cobertura vía satélite a finais de 2013.
O Plan de Banda Larga é un Plan a catro anos que se está a desenvolver de xeito progresivo nos núcleos da Comunidade sen cobertura. No Concello de Santiago viven arredor de 95.000 das cales unas 15.000 están diseminadas nun total de 238 núcleos de poboación fóra da zona urbana. Este feito unido á orografía galega dificultaban ata agora a extensión de redes de telecomunicación. Unha situación que quere reverter o Plan incentivando a implantación destas redes e obrigando aos operadores a dar servizo a onde ata agora non chegaban.