A prensa norteamericana analiza o iPhone de Apple días antes do seu lanzamento

mércores, 27 de xuño do 2007 Marcus Fernández

O lanzamento tecnolóxico deste venres está a acaparar a intención de moitos consumidores e medios de comunicación de xeito que o iPhone se consolida coma o chisme electrónico máis agardado e desexado da historia pese a que moi poucos tiveron un nas súas mans.
A prensa xa comeza a publicar comentarios sobre o iPhone, que normalmente son positivos, pero que non evitan citar os déficits do dispositivo.


O xornalista do Wall Street Journal, Walter S. Mossberg, fai unha das mellores e máis anticipadas análises do iPhone

Así, destacan que algunhas características presentadas polo novo teléfono de Apple son mellores do agardado (o navegador é moi bo, a pantalla é resistente e a autonomía é boa) pero algúns detalles non están a ser tan ben recibidos (o software incluído no iPhone ocupa 700 Mb, non conta con marcación por voz, aínda que permite ler ficheiros de Word, Excel e PDF non se poden editar, as cancións almacenadas non se poden empregar coma tons de chamada, a cámara non permite gravar vídeo e o navegador web incorporado aínda non soporta Flash polo que moitos dos contidos da Internet permanecen inaccesibles).
Pero se hai algo que está a dar que falar na Rede son os plans de telefonía que hai que contratar con AT&T para poder facerse co desexado dispositivo, que por mor do compromiso de permanencia de 24 meses incrementarían o prezo do dispositivo (499 ou 599 dólares) entre 1.400 e 2.400 dólares, aínda que os que non queiran evitar gastar ata 3.000 dólares por ser un dos primeiros en facerse co iPhone tamén poden pagar 175 dólares para cancelar os compromisos coa operadora de telefonía móbil.
O lanzamento europeo do iPhone aínda é unha incógnita, e agárdase que antes do mesmo se incorpore ó terminal unha das características actualmente ausentes e imprescindible no mercado comunitario: conectividade 3G (que podería engadirse ó teléfono en setembro). Parece que as operadoras de telefonía se están a pelexar por facerse coa exclusividade do móbil de Apple, e a que ten máis bazas para facerse coa distribución europea parece ser Vodafone. Incluso se estima que a operadora británica podería chegar a vender 6 millóns de terminais iPhone en 3 anos.