A revista EDGE podería pechar en España

venres, 27 de marzo do 2009 Marcus Fernández

A revista SuperJuegos Xtreme deixou os quioscos españois hai moi pouco tempo, e nese momento xa había rumores de que a seguinte cabeceira do sector en caer podería ser a edición española de EDGE, que nos últimos veses viña reducindo o seu número de páxinas e que finalmente podería pechar no seu vindeiro número, aínda que a súa editora (Globus) conservará a marca para España, o que podería levar á recuperación da cabeceira cando mellore o mercado publicitario.
De todos os xeitos EDGE é unha revista que o ten moi difícil en España por ser unha adaptación dunha publicación británica, o que quita certa frescura, aínda que os contidos da revista teñen un nivel de calidade bastante elevado.
A desaparición de EDGE estaría motivada pola entrada en perdas de Globus, e o seu número final (o 36), que xa debería estar nos quioscos, podería demorarse precisamente polas dificultades que está a pasar a compañía, que nos vindeiros días podería publicar o comunicado oficial do peche dunha das publicacións de máis calidade do sector, o que tamén se traducirá no peche dos espazos en liña desta cabeceira (coma o seu foro web).

PUBLICIDADE