A revista EDGE volve aos quioscos españois a semana que vén

mércores, 27 de setembro do 2017 Marcus Fernández

Nos últimos anos o sector editorial tivo serios problemas para manter nos quioscos as publicacións dedicadas a temáticas tecnolóxicas, mellor atendidas por medios en liña, e aínda que falamos dunha tendencia global, en España notouse especialmente coa desaparición de numerosas cabeceiras dedicadas ao mundo dos videoxogos como a célebre publicación británica EDGE, que en 2009 dixo adeus, xa que a súa editora español, Globus, non foi quen de mantela viva , seguindo os pasos de SuperJuegos Xtream.
Tres anos despois sería Marca Player a publicación que diría adeus, de aí que sorprendese enormemente que Panini Revistas decidiu recuperar a cabeceira como revista bimestral que buscará seguir as pautas marcadas dende Reino Unido, de xeito que mesturará artigos da súa edición orixinal e engadirá material elaborado en España.
Agora que estamos na recta final para o relanzamento da publicación que chegará aos quioscos o 5 de outubro, coñécense xa os contidos deste novo nº 1 da revista EDGE, que terá a Super Mario Odyssey na súa portada, un total de 116 páxinas e un prezo de 5,95 euros. A revista que leva por lema «o futuro do lecer interactivo» tamén fai un aceno ao pasado, pois a ilustración feita a man pola artista María Emegé pretende render homenaxe ao recentemente falecido Alfonso Azpiri.
Entre os contidos da EDGE nº 1 tamén adiantará detalles de Star Wars: Battlefront II e The Evil Within II; achégase a xogos como La Tierra Media: Sombras de Guerra e Dragon Ball FighterZ; contará cunha boa selección de análises de xogos que xa están dispoñibles para a súa compra; e non conformes con afondar no novo xogo de Mario, tamén inclúen unha completa reportaxe sobre o labor de documentación do prometedor Call of Duty: WWII.
Relativo ao panorama estatal lembran o desenvolvemento do Deadlight de Tequila Works, afondan na filosofía de traballo de MercurySteam; e recollen unha serie de columnas de autores locais.

PUBLICIDADE