A robótica como factor de rehabilitación física, polo miúdo nunha conferencia no CiTIUS

mércores, 11 de abril do 2018 Fernando Sarasketa

O centro tecnolóxico CiTIUS, emprazado no Campus Sur de Santiago, vai dar acubillo este 12 de abril, a partir das 17.00 horas, a un relevante encontro coas cousas que poden facer as tecnoloxías de intelixencia artificial e aprendizaxe das máquinas para mellorar a calidade de vida das persoas con algún tipo de lesión, doenza ou característica que reduce a súa mobilidade ou lles impide ter a máxima autonomía e independencia. Estamos a falar da conferencia Robótica de rehabilitación: aplicación da enxeñaría para a rehabilitación motora, que correrá a cargo de Eduardo Rocón, investigador do Centro de Automática e Robótica do CSIC.
Na conferencia tocaranse temas como as novas tendencias dos avances da robótica cara unha meirande interacción co ser humano, o xurdimento dos wearable robots (dispositivos mecatrónicos cuxas articulacións e elos corresponden dalgunha maneira aos do ser humano e están unidos ao paciente) e os detalles legais, sanitarios e regulamentarios que o espallamento deste tipo de tecnoloxías implica.
Segundo explica o CiTIUS, o aspecto distintivo destes robots é a dupla interacción, física e cognitiva, co usuario. A función principal da interacción física é a xeración de forzas que suplementen a dos membros do home alén dos seus límites físicos, sexan estes naturais ou causados por unha doenza ou trauma. O papel da interacción cognitiva é asegurar que o usuario recibe información da interacción do robot coa súa contorna á vez que lle permite comandalo.
Na conferencia tamén se botará luz sobre a seguinte xeración destes dispositivos, un estado de cousas no que todo apunta a un esvaecemento da liña que separa o sistema robótico do ser humano.
A charla, máis en detalle, estará centrada en describir os principais avances neste ámbito e no desenvolvemento da próxima xeración dos robots carrexábeis para a rehabilitación e asistencia de persoas maiores e con diversidades funcionais, unha poboación crecente cunhas necesidades especiais dentro da sociedade europea.

PUBLICIDADE