A telefonía 3G dirá adeus antes que a 2G

luns, 30 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

Cando estamos a vivir o espallamento das redes de telefonía móbil 4G, para o que foi precisa unha reantenización da TDT para poder aproveitar a banda de frecuencia dos 800 MHz, e estamos á espera de que en 2020 bote a andar o 5G (para o que procurará liberarse a banda dos 700 MHz), parece razoable entender que non ten sentido manter todas as xeracións de telefonía móbil operando á vez e, curiosamente, non será a tecnoloxía máis vella das actuais (o GSM ou 2G) que comezou a operar en 1994 a que dirá adeus, senón que sería o 3G (que chegou ao mercado en 2002) a primeira que se extinguirá, previsiblemente en 2020, mentres que o 2G podería chegar até 2025.
Aínda que poderiamos pensar que o GSM aínda se emprega para servizos de voz por parte de usuarios de terminais non smartphone, isto non se corresponde coa realidade, e a meirande parte das chamadas realízanse a través de 3G (confiándose en que en poucos anos a voz chegue por 4G , xa que a tecnoloxía VoLTE ofrece unha calidade moi superior das chamadas á que estamos afeitos), mentres que o 2G é aínda moi práctico grazas ao uso de frecuencias baixas, conseguindo unha cobertura moi boa, o que é especialmente importante para dispositivos conectados. Ou sexa, que a vella telefonía 2G sería agora unha cousa máis de máquinas que de persoas, o que posiblemente deixe de ter sentido coa chegada do 5G (tecnoloxía deseñada xa coa Internet das Cousas no punto de mira).
Cómpre destacar que xa hai países nos que as vellas redes de telefonía móbil se extinguiron e, por exemplo, o pasado 1 de xaneiro AT&T apagou as súas redes 2G nos EE.UU., provocando que o iPhone orixinal pasase a ser un trebello de museo, xa que sería imposible facer chamadas con el ou conectarse á Internet en mobilidade.

PUBLICIDADE