A telefonía 4G podería tardar bastante en chegar a España

martes, 20 de xaneiro do 2009 Marcus Fernández

Pese a que en Noruega xa se anuncie que contarán con rede de telefonía 4G para 2010, o Ministerio de Industria pretende retrasar as novas licenzas de móbil por falta de tecnoloxía, para non repetir o que aconteceu coa UMTS, da que se concederon licenzas no ano 2000 e ata mediados de 2004 non comezaron a aparecer os servizos 3G e incluso a operadora Xfera (Yoigo) non iniciou a súa actividade ata decembro de 2006.
Na actualidade aínda que a tecnoloxía LTE xa estea ben definida teoricamente, falta o seu desenvolvemento práctico, e a creación dunha nova banda de frecuencias podería ser todo un problema, pois se rumoreaba a posibilidade de que se concedesen licenzas de explotación das mesmas en distintas demarcacións xeográficas (o que podería levar a compañías coma R, Euskaltel ou Telecable a operar nestas redes).
Os rumores apuntan a que as novas licenzas non só poderían tardar varios meses en saír a concurso, senón que poderían quedar para o final de lexislatura, á vez que a discriminación por demarcacións das mesmas podería aplicarse a 1 das 4 licenzas futuras.