A tenda de aplicacións móbiles de Epic Games ábrese a terceiros e ofrece xogos de balde

luns, 27 de xaneiro do 2025 Marcus Fernández

No verán Epic Games lanzou unha tenda de aplicacións para móbiles que limitábase a ofrecer os xogos Fortnite, Fall Guys e Rocket League Sideswipe, anunciando que no futuro abriría esta tenda de aplicacións a terceiros, e finalmente fíxose efectivo este cambio, e xa podemos gozar non só de preto de 20 xogos de desenvolvedores externos, senón tamén dalgúns xogos de balde para dispositivos móbiles.
O programa de xogos de balde en PC era un incentivo para que a xente instalase a tenda de aplicacións de Epic Games e o seu lanzador, para facilitar así a competición con Steam, e en dispositivos móbiles repiten a fórmula para animar á xente a facerse con xogos fóra das tendas de aplicacións de Apple e Google. Os primeiros xogos de balde son Dungeon of the Endless: Apogee e Bloons TD 6, que poderán conseguirse sen custo ata o 20 de febreiro.
A nova tenda de aplicacións renovará o seu catálogo mensualmente, procurando acelerar o seu ritmo ata conseguir ter un calendario de lanzamentos semanal, de aí que estean a potenciar que os usuarios abran a aplicación para consultar as novidades co incentivo de que poidan facerse tamén con títulos de balde.