A triloxía orixinal de Spyro volverá en setembro

xoves, 5 de abril do 2018 Marcus Fernández

A franquía do emblemático dragón morado Spyro achégase ao seu 20º aniverario, e para celebralo teñen programado lanzar o vindeiro 21 de setembro Spyro Reignited Trilogy, unha compilación dos xogos Spyro the Dragon, Spyro 2: Ripto’s Rage! (Spyro 2: En busca de los Talismanes) e Spyro: Yeor of the Dragon (Spyro: El año del dragón) en versións remasterizadas con gráficos de alta definición para PlayStation 4 e para Xbox One, sorprendendo esta última plataforma polo feito de que estabamos ante unha serie nacida na primeira PlayStation. O lote de xogos xa está dispoñible en reserva a un prezo de 39,99 euros.
Este lanzamento de Activision parece quere repetir o éxito de Crash Bandicoot N. Sane Trilogy, que foi un dos títulos de maior éxito en 2017 grazas á súa combinación de nostalxia, diversión e un prezo axustado, aínda que Spyro non sexa un personaxe tan carismático e representativo como Crash Bandicoot. De feito, para ligar unha triloxía con outra, a partires do vindeiro luns, se na pantalla de inicio de Crash Bandicoot 3: Teletransportado efectuamos o código Konami poderemos ver o tráilder de Spyro Reignited Trilogy.
Aseguran que a nova triloxía recupera a divertida e nostálxica xogabilidade que lembran os seareiros da saga nos seus máis de 100 niveis, pero incorporando recompensas melloradas, controis actualizados, efectos de luz completamente novos e cinemáticas redeseñadas, para que estes xogos con tantos anos enriba poidan gozarse dignamente en máquinas modernas, á vez que se mantén a fidelidade cos títulos orixinais. Incluso a banda sonora de Stewart Copeland reimaxinouse, dando lugar a un produto moi coidado que agradecerán tanto novos xogadores como quen queira recuperar as aventuras do simpático dragón.

Os xogos de Spyro fixéronse dende cero, pero respectando os seus máis de 100 niveis, buscando sempre a fidelidade coas entregas orixinais
Spyro Reignited Trilogy terá gráficos remasterizados en alta definición

Tráiler de anuncio de Spyro Reignited Trilogy

PUBLICIDADE