A viabilidade económica dos medios dixitais centrou os primeiros Encontros 2.0
mércores, 27 de novembro do 2013
- Manu Tf convocou no Kunsthalle aos participarntes nestes Encontros 2.0
Para discutir sobre a sustentabilidade dos medios dixitais celebrouse esta noite o primeiro dos Encontros 2.0 no local compostelán Kunsthalle, nun evento no que a realizadora Cora Peña, o blogueiro Felipe Rivero de Aguilar e o xornalista David Lombao, convocados por Manu Tf, expuxeron os seus distintos proxectos de comunicación e os diferentes camiños que seguiron para ver a luz e manterse en activo, deixando claro que a sustentabilidade dos medios ten moitas faces.
Financiamento achegado polas masas
A encargada de abrir o encontro foi a realizadora Cora Peña, que explicou como
conseguiu financiamento
para o seu documental Tesouro de
Corcoesto a través de crowdfunding.
Para que este documento audiovisual que aborda o problema da megaminería puidesen levarse adiante era
precioso unha achega económica básica, e para conseguila recorreron á
plataforma Goteo.org, da que souberon a través dunha actividade do Plan
de Voluntariado Dixital, e que consideraron que era máis atinada para o
obxectivo marcado fronte á alternativa máis importante en España (Verkami) por
ser moi empregada para causas sociais e ecolóxicas, e que conseguiu acadar o
financiamento desexado grazas a un esforzo constante durante a campaña de micromecenado,
recoñecendo que dinamizar este tipo de proxecto para achegar fondos precisa
dunha dedicación absoluta.
Peña quixo destacar que non só hai solucións como Vekami e Goteo, senón que hai
moitos outros xeitos de conseguir fondos para proxectos audiovisuais sen ter que
depender de plataformas que recibir comisións polo seu servizo, á vez que
comentou que en España os obxectivos a superar deben ser moi modestos para ter
éxito, xa que as campañas no noso territorio tenden a mover volumes económicos
bastante reducidos, moi lonxe do que nos EE.UU. podemos ver en plataformas como
Kickstarter.
Un blog afeccionado como canle de comunicación
Pero non todos o que se publica na Rede precisa de financiamento económico
externo, senón que algunhas iniciativas empréndense de xeito persoal, sen
buscar retorno económico, como acontece co blog Uruloki, que aborda temas
como co cine, o horror, a fantasía, a ciencia ficción e os comics, o que
comezou como un diario persoal en 2003 e foi adoptando unha temática definida,
sempre de xeito afeccionado e autofinanciado (Felipe Rivero de Aguilar comentou que ante a
elevada carga que actualmente ten o seu servidor web ten que investir neste
proxecto persoal uns 1.200 euros/ano para mantelo activo, mentres que de
publicidade só consegue uns 60 euros/mes). A contraprestación que recibiría
Rivero de Aguilar por esta iniciativa sería en forma de notoriedade e recoñecemento polos
seus lectores e pola xente que forma a comunidade sobre a que fala, o que non
sempre é suficiente á hora de emprender un blog (de feito, comenta que o 95%
dos blogs creados están actualmente abandonados). Reivindicou a calidade dos
contidos que podemos ver nos blogs temáticos afeccionados, nos que a
información está máis contrastada e fundamentada da que podemos ler en medios
tradicionais, de aí que este tipo de micro-medios teñan tan boa aceptación por
parte doutros afeccionados.
Non esqueceu as dificultades de emprender esta iniciativa dende Galicia, xa que
a actividade estatal deste sector cultural centralízase en Madrid e Barcelona,
e na actualidade iso supón quedar á marxe de boa parte dos eventos relativos ás
temas tratados en Uruloki, en contraste co que acontecía en anos como o 2010,
nos que os propios estudios chegaban a pagar viaxes aos blogueiros de sona para
asistir a pases privados dos seus filmes.
En vista de que escribir un blog non parece ser economicamente rendible fóra de
redes de blogs ou de financiamento a través do apadriñamento por parte dun
medio tradicional, ¿que leva a un blogueiro a seguir a traballar “por amor á
arte”? A resposta non é doada, pero o recoñecemento persoal e o feito de facelo
por gusto son factores que contribúen seriamente a manter as enerxías para
seguir a traballar en proxectos de xeito desinteresado, ao que Rivero de Aguilar engade
que é moi importante ter conseguido vivir certos fitos que logren colocar un
blog no mapa, o que claramente axuda a animar a mantelo no tempo. No seu caso
comenta que cando en 2007 publicou en primicia fotografías da película El Caballero Oscuro deu un paso de
xigante, superando as 50.000 visitas nun día e figurando como fonte dos
principais medios internacionais do sector, consolidando a Uruloki como un blog
de referencia, o que abriulle moitas portas, facilitándolle a participación en
distintos eventos e a realización de entrevistas persoais con directores de
cine como Guillermo del Toro ou Nacho Vigalondo, entre outros.
Praza Pública chega para cubrir un oco
- Lombao deu conta do difícil momento para os medios en galego que propiciou o nacemento de Praza Pública
O caso do proxecto de Praza.com é ben distinto, pois aínda que parte da Fundación Praza Pública
(carece de ánimo de lucro) é unha firme aposta polo xornalismo profesional,
buscando a sustentabilidade económica dun medio nacido nun escenario tráxico,
xa que en poucos meses dixeron adeus Vieiros, A Nosa Terra, Xornal de Galicia e
outras publicacións en galego, deixando un grande baleiro que esta iniciativa
quería encher, o que están a procurar diariamente dende primeiros de
2012.
- O director de Praza Pública adiantou que están a preparar a publicación de monográficos en papel con carácter mensual
O actual director de Praza Pública, David Lombao, explicou como puxeron o medio
en marcha grazas ás achegas dos lectores, carecendo de axudas públicas (incluso
na actualidade), buscando sempre o diálogo cos lectores e incluso chegando a
acordos como medios como Eldiario.es (un intercambio de contidos que é posible
que evolucione nunha venda conxunta dos seus espazos publicitarios).
Lombao explicou que os lectores que contribúen economicamente a Praza fano coa
única contraprestación de poder ter un medio diario en galego á súa
disposición; ou sexa, que sería algo semellante a como cando antes os cidadáns
mercaban os xornais nos quioscos, só que no contorno dixital non consideran que
funcione o cobro por contidos (especialmente porque sempre haberá quen os
ofreza de balde).
Recoñeceu as dificultades que teñen para sacar un medio dixital adiante, á vez
que denunciou a posición que manteñen artificialmente no mercado os medios
tradicionais, e concluíu anunciando que Praza Pública non vai limitarse á
Internet, senón que nas vindeiras semanas, e con carácter mensual, pretende dar
o paso ao papel publicando monográficos nos que abordarán temas de interese en
profundidade.