A xaponesa Coincheck é vítima do meirande roubo de criptomoedas da historia

venres, 26 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

Hai catro anos a empresa de cambio de Bitcoin Mt. Gox tivo que declararse en bancarrota tras saberse que padecera un roubo masivo dos seus fondos na popular criptomoeda que naquel momento representaría uns 343 millóns de euros, e agora hai outra empresa xaponesa afectada por un escándalo semellante, pois Coincheck tería padecido o roubo de 500 millóns de unidades de NEM, unha criptomoeda de recente creación que durante a xornada de hoxe tería unha cotización de entre 0,62 e 0,79 euros, polo que poderíamos falar duns 340 millóns de euros.
Tras confirmarse os feitos Coincheck anunciou a suspensión dos seus depósitos en NEM, para paralizar logo todas as operacións con NEM.
O co-fundador de Coincheck, Yusuke Otsuka, apareceu en rolda de prensa para recoñecer que non sabían onde foran a parar 500 millóns de unidades de NEM, aínda que asegurou que están a traballar para asegurar os activos de todos os clientes (de feito, xa estudan compensacións económicas para non prexudicar aos seus clientes).
Estariamos ante meirande desaparición de moedas dixitais dende o lanzamento de Bitcoin, aínda que desta volta a moeda baseada en blockchain sería outras, o NEM, a décima en volume de mercado global, que destaca por empregar métodos de confirmación das transaccións que consumen menos enerxía que os Bitcoin, ou sexa, que buscan deixar unha menor pegada ecolóxica.
Deste tipo de acontecementos hai leccións que aprender, pois confirman as dificultades para manter seguras as moedas dixitais e o risco que supón que non estean reguladas, de xeito que os usuarios non teñen garantías de recuperar os seus investimentos ante roubos e incidentes de distinto tipo.

PUBLICIDADE