A xira da Cruz Vermella e R para dixitalizar aos maiores recala en Lugo, Chantada e A Fonsagrada

mércores, 20 de xullo do 2022 S. P.

A xira EnredandoTourR organizada por Cruz Vermella co patrocinio de R e a Xunta vai facer dúas paradas esta semana na provincia de Lugo.: este mércores 20 de xullo na propia cidade de Lugo, a partir das 12.00 horas na praza Anxo Fernández Gómez, este xoves en Chantada no 28 da rúa Rosalía de Castro e este venres 22 no centro da Fonsagrada, tamén a partir do mediodía.
A xira, como lembraremos, está destinada a mostar ás persoas maiores como tirar partido da Internet e das novas tecnoloxías, poñendo ao seu alcance recursos que garantan sesións seguras e enriquecedoras. Nun plano máis concreto, búscase ensinarlles como manexar mellor o móbil, como empregar a aplicación Whatsapp, como facer procuras en Internet, como tirar proveito do correo electrónico, como facer compras online, como facer trámites coas administracións ou como pedir cita para o médico, entre outros casos específicos de uso das novas ferramentas. No vehículo da xira e no espazo de formacións daráselles ademais apoio dixital e resolveránselles as dúbidas que poidan ter sobre os usos das novas tecnoloxías dixitais.
O obxectivo último a loitar contra a fenda dixital que se fai máis marcada a medida que se incrementa a presenza das redes e dos novos dispositivos nas nosas vidas e a xente maior corre o risco de quedar fóra deste proceso.
Por cero que quen precise consultar as seguintes paradas do tour pode facleo comodamente no mapa que se inclúe na web de Enredando.gal.

PUBLICIDADE