ABANCA permite pagar co móbil dende calquera smartphone Android con NFC

martes, 26 de decembro do 2017 Redacción

ABANCA lanza para os seus clientes un novo servizo dixital para pagar co móbil, o wallet ABANCA, que permitirá aos clientes da entidade financeira galega ter todas as súas tarxetas ABANCA no móbil e pagar directamente co seu smartphone en calquera establecemento comercial no que se poida utilizar unha tarxeta de débito ou crédito contactless, non sendo preciso contar cun smartphone compatible con Apple Pay ou Samsung Pay (chega con ter un teléfono con Android 4.4 ou superior que conten con tecnoloxía NFC).
O novo servizo de carteira dixital está dispoñible de balde na aplicación de pagos de móbil a móbil da entidade financeira, ABANCA Pay (para Android). Poderase asociar calquera tarxeta VISA ou Mastercard, de crédito ou débito, de ABANCA. Tamén se incorporou a esta aplicación a funcionalidade de Masterpass, un novo medio de pago para facer compras na Internet a través do móbil, tableta ou ordenador.
Pagar a través do wallet ABANCA é sinxelo e seguro. Simplemente dende a aplicación de ABANCA Pay o cliente terá acceso ao servizo de wallet e Masterpass. As tarxetas de crédito e débito de ABANCA que teña o usuario cárganse directamente na aplicación e non ten que introducilas o cliente, xa que a aplicación móbil está asociada á súa conta de banca electrónica. Unha vez cargadas as tarxetas, o wallet pedirá un PIN para realizar os pagamentos co móbil.
Para pagar nos comercios, só hai que desbloquear o móbil e achegalo ao TPV, se o pago supera os 20 euros deberemos teclear no TPV o PIN do wallet. Tamén se incorpora a autenticación dos pagos con pegada dixital desde o móbil, de tal modo que o cliente valida con plena seguridade a operación desde orixe no propio dispositivo e para calquera importe, sen requirirse neste caso o tecleo de PIN no TPV.

PUBLICIDADE