AMTEGA e R rematarán 2018 con 11 polígonos de Ourense tirando proveito de redes ultrarrápidas

xoves, 8 de febreiro do 2018 Fernando Sarasketa

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e operador R proseguen os seus traballos para dotar con Internet de altas capacidades os polígonos industriais da nosa terra que até o de agora non contaban con infraestruturas tecnolóxicas axeitadas para os novos tempos e para os novos requirimentos do mercado. A axencia que dirixe Mar Pereira avanzou este 8 de febreiro os traballos a realizar na provincia de Ourense ao abeiro do Plan de Banda Larga de Galicia, do que a firma R é adxudicataria. Segundo fixo saber, o plan subirá ao carro da Internet con velocidades de até 350 Mbps a outros catro polígonos industriais, que se engaden aos sete nos que xa se traballou previamente, dando como resultado (ao remate de 2018) un total de 11 complexos empresariais ourensáns con redes ultrarrápidas. Estes e outros datos foron achegados pola directora de AMTEGA, Mar Pereira, o director xeral de R, Alfredo Ramos, e a delegada da Xunta en Ourense, María Sol Díaz.
Segundo lembraron, as actuacións do plan comezaron en agosto de 2016 e ao remate de 2017 había 7 polígonos da provincia con este servizo de banda larga ultrarrápida. Ademais, recordaron que “unha vez completados os traballos programados, o 85% das superficies empresariais ocupadas da provincia terán acceso a redes de máis de 100Mbps”. Pereira tamén fixo saber que estes despregues estanse a complementar cunha liña de axudas, aberta o ano pasado, para equipar con redes ultrarrápidas as empresas e autónomos das contornas máis afastadas do rural. Ao fío desta liña, engadiu, destináronse un total de 400.000 euros á subvencionar solucións específicas a 30 empresas que agora dispoñen de velocidades de acceso a Internet de entre 50Mbps e 350Mbps.
Volvendo aos traballos despregados nos polígonos ao abeiro do plan, permitiralles dispor de Rede a través de fibra óptica cunhas velocidades de até 350 Mbps de baixada e 35 de suba, e cunha garantía de caudal do 80% sen límite de descargas. No acto de hoxe, AMTEGA e R fixeron fincapé en todo aquilo no que se traducen as devanditas capacidades: un abano de posibilidades competitivas e produtivas que van alén dun simple abastecemento de infraestrutura. En palabras de R, as ditas capacidades achandan o camiño para que as empresas “acometan a súa transformación dixital”. Ou sexa, para que boten man de servizos e solucións na nube como por exemplo a videoconferencia, o acceso á Internet das Cousas (IoT) ou os procedementos do que se coñece como Industria 4.0, vencellados a conceptos e metodoloxías como a eficiencia enerxética, o control de intrusións nas edificacións, os servidores virtuais e a analítica de datos (Big Data), entre outros eidos. “Todas estas cousas e outras moitas máis”, explica a compañía de raizame galega, “son posíbeis grazas ás vantaxes das redes FTTH (Fiber To The Home) que levan a fibra óptica ata a propia empresa nestes polígonos xa conectados ás redes ultrarrápidas de R”.
No acto deste 8 de febreiro, amais de todo o devandito, púxose o foco nas cifras a nivel autonómico, salientando que o plan xa completou o despregue 51 polígonos da nosa Comunidade e este ano chegará aos 30 restantes. Deste xeito, en 2018, un total de 130 polígonos, que concentran case o 93% da superficie empresarial ocupada, disporán de acceso a redes de máis de 100 Mpbs.
Lembrar que AMTEGA subvenciona estes traballos cunha axuda de 3,4 millóns de euros, que xerarán un investimento total de 5,2 millóns de euros. Estas subvencións co-fináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).

Axudas para núcleos de poboación do rural

Tralas dúas primeiras actuacións orientadas a mellorar a conectividade no tecido empresarial, a axencia que dirixe Mar Pereira vén de pór en marcha a terceira actuación para facilitar o acceso a redes ultrarrápidas en zonas do rural que non contan con esta cobertura nin previsión de dispoñer destas redes.
O pasado día 15 xaneiro publicouse no DOG unha axudas, cun importe de 14,2 millóns de euros, dirixida a operadores de telecomunicacións para facilitar o acceso a Internet de cando menos 100Mbps en núcleos de menos de 150 habitantes.
Os operadores poderán actuar en calquera das 26.386 entidades de poboación de menos de 150 habitantes e noutros 80 núcleos de entre 150 e 300 habitantes. Poderán presentar varios proxectos cunha subvención mínima de 20.000€ para cada un deles ata esgotar a dotación orzamentaria prevista. O prazo de presentación é dun mes a contar dende o día seguinte á publicación no DOG.
Segundo se estipula nas bases, as redes coas que se dote ás entidades de poboación deberán proporcionar servizos de cando menos 100 Mbps de baixada e 20 de suba, non establecer limitacións de descargas e permitir a realización de comunicacións de voz e vídeo en tempo real.
A Administración autonómica concederá unha subvención máxima do 90% do custo total de cada proxecto. Estas subvencións co-fináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).

Listaxe de Polígonos de Ourense cubertos e previstos en 2018

· Allariz, Parque Empresarial de Chorente
· Allariz, Parque Empresarial de Chorente (Polígono Industrial)
· O Barco, Parque Empresarial do Barco
· Celanova, Parque Empresarial de Celanova
· Ribadavia, Parque Empresarial de Ribadavia
· Verín, Parque Empresarial de Verín – Pazos
· Pontedeva, Zona de Promoción Industrial de Trado
· Vilamarín, Parque Empresarial de Vilamarín
· Vilar de Santos, Parque Empresarial de Santa Marta
· Xinzo de Limia, Parque Empresarial de Xinzo

PUBLICIDADE