Abanca e Afundación proporcionarán á Xunta equipos de vixilancia aérea antiincendios de última xeración
martes, 2 de decembro do 2025
Abanca e a súa Obra Social (Afundación) presentaron un prototipo dos sistemas de vixilancia aérea de última xeración para a Xunta de Galicia, co patrocinio do banco, co obxectivo de complementar os recursos autonómicos de prevención e loita contra incendios forestais.
Serán tres equipos para ser postos a disposición da Administración autonómica ao longo de 2026, compostos por un dron e a súa base de operacións, que “incorporan tecnoloxía punta de orixe galega e que se utilizarán por primeira vez na defensa do monte en Galicia”, informou a entidade financeira galega.
O acto de presentación tivo lugar no Parador de Santo Estevo (Ourense) e incluíu unha simulación de voo para coñecer en detalle o seu funcionamento e as vantaxes técnicas desta solución fronte a outras.
O sistema de vixilancia avanzado que achegarán Abanca e Afundación consiste nun hangar robotizado para drons que poden operar 24x7 de xeito totalmente autónomo en remoto. Deseñado polo centro tecnolóxico ITG (Instituto Tecnoloxico de Galicia), a solución denomínase DroneSafeBox e é comercializada pola súa spin-off DroneSolutions.
Os aparellos están equipados con estación meteorolóxica e inclúen soporte técnico especializado, totalmente integrado nos sistemas da Dirección Xeral de Defensa do Monte para a prevención de incendios forestais, de modo que complementarán os recursos actuais cos que conta a Consellería do Medio Rural, especialmente naquelas zonas con falta de cobertura para as cámaras de videovixilancia.
Operan cunha estación fixa e situaranse en tres puntos de Galicia con elevado risco de incendios: as comarcas de Valdeorras, Verín e Ribeira Sacra. O emprazamento foi definido en coordinación coa Xunta de Galicia, buscando maximizar a capacidade de prevención nas zonas máis sensibles.
O director xeral do centro tecnolóxico ITG, Carlos Calvo, destacou na presentación “a aposta de Abanca e Afundación por esta tecnoloxía para a loita contra incendios, que é a máis avanzada en Europa. Despregámola en infraestruturas críticas como refinerías ou zonas portuarias, e agora estamos especialmente satisfeitos de trasladar esa experiencia a un reto compartido por todos: a defensa do monte galego”.
