Ábrese a inscrición para a vindeira edición de Coruña Bloggers

luns, 18 de setembro do 2017 Marcus Fernández

O encontro Coruña Bloggers despediuse antes do verán coa celebración do seu primeiro aniversario, saldando as súas primeiras 10 edicións cun total de 1.751 quilogramos de alimentos recollidos para a Cociña Económica, e agora anuncian o inicio dunha nova tempada na que pretenden superar as 2 toneladas de alimentos recollidos neste evento solidario aberto a calquera interesado no mundo tecnolóxico, non sendo unha actividade exclusiva para blogueiros, e pregándose aos asistentes a inscribirse previamente e acudir cun mínimo de 1 quilo de alimentos non perecedoiros a xeito de contribución para os máis desfavorecidos da cidade herculina.
A XI edición de Coruña Bloggers terá lugar o vindeiro 27 de setembro ás 19:30 horas na Fundación Barrié da Coruña, sendo desta volta os relatores que compartirán os seus coñecementos cos asistentes Óscar Domínguez, fundador de DesarrolloSEO, e Javier Varela, community manager experto en posicionamento en redes sociais.
Domínguez impartirá unha charla titulada A Importancia do SEO, na que explicará a importancia para empresarios, blogueiros... de estar ben posicionados, ter presenza en buscadores, unha imaxe destacada e facer visible os negocios a ollos dos usuarios da Internet; mentres que Varela, comentará as mentiras na Rede nos momentos nos que se produce unha emerxencia, polo que dará consellos para facer un bo uso das redes sociais durante unha emerxencia como os recentes atentados de Barcelona.