Ábrese a preinscrición para os obradoiros do TEK-FEST de Pontevedra
xoves, 28 de xullo do 2016

- A realidade virtual centrará o primeiro dos obradoiros do TEK-FEST // Fotografía de Cristina Pontanilla
O TEK-FEST, I Encontro
Internacional de Tecnoloxías Emerxentes que se celebrará en Pontevedra a
finais de setembro, vén de desvelar a súa programación e de abrir as
convocatorias e inscricións a todas as persoas que queiran participar. Durante
5 días a capital pontevedresa acollerá profesionais e expertos recoñecidos a
nivel internacional que compartirán o seu coñecemento sobre a realidade
virtual, o big data e a cartografía
urbana, a artesanía dixital ou a comunicación inmersiva nas redes sociais, ao
tempo que reflexionarán sobre os escenarios de futuro que nos presenta a vida
urbana no século XXI.
O programa componse de dous obradorios de 12 horas que se
celebrarán simultaneamente durante 3 días, do 27 ao 29 de setembro. O primeiro
deles titúlase VR 360: Audio, Video &
Programming e pretende introducir os partipantes na captura e edición de
imaxe inmersiva en 360 graos, tanto para fotografía como para vídeo, así como
no audio binaural, fundamental para lograr unha experiencia inmersiva, e nas
ferramentas de software que permiten introducir elementos de interacción na realidade
virtual. Estará impartido por Antonio Víctor García-Serrano (Zakato), un dos mellores
camarógrafos 360 a nivel mundial, e polo estudio Bermudas Land, pioneiros da VR en España con sede en
Galicia e Madrid. A súa preinscrición
vía web está aberta ata o 21 de agosto, terá un prezo de 300 euros e
contará con só 15 prazas.
O segundo obradoiro leva por título Carto: Location Intellingence e estará impartido por Javier
Noguerol, responsable de intelixencia de produto de CARTO, unha empresa con sede en Madrid que é das máis
destacadas internacionalmente na análise e visualización de datos
xeolocalizados. Neste obradoiro os asistentes poderán aprender en que consiste
a análise de datos xeoespacial e como as cidades máis innovadoras do mundo o
están a usar para mellorar a calidade de vida da súa veciñanza. Tamén
aprenderán de forma práctica a facer esta análise de datos no seu propio
contorno usando Builder, unha ferramenta de location
intelligence para non programadores. Tamén está aberta a súa preinscrición
en liña, tendo esta actividade un prezo de 300 euros e unha limitación de
15 prazas.
O 30 de setembro abrirá o TEK-FEST coa conferencia inaugural
titulada Escenarios de futuro: da
metrópole á cidade dixital, a cargo do filósofo Pedro Medina e o deseñador Javier
Maseda, do estudio Sopalmo,
que reflexionarán sobre a evolución histórica da noción de cidade e como a
tecnoloxía dixital proxecta o seu futuro. Tras eles intervirá a deseñadora Isabel
Berz, unha das maiores innovadoras do mundo na fusión de moda, tecnoloxía e
proxectos sociais, que falará sobre “A nova educación: cara a un novo modelo
baseado na innovación e na investigación”. Javier Noguerol de CARTO
achegaralles ás persoas asistentes unha introdución ao big data relacionado
coas cidades, e Jimena Merino, unha das primeiras directoras artísticas de VR
que hai en España, falará da democratización da realidade virtual e da imaxe
inmersiva a través do seu uso nas redes sociais, con exemplos prácticos.
Nesta xornada haberá espazo para as propostas máis
experimentais como unha instalación urbana realizada por Miguel Espada, de Espada & Santacruz,
un dos estudios españois máis destacados no terreo da arte dixital e as
instalacións interactivas, ou unha performance sonora sobre a evolución dos
soportes acústicos conducida por José Manuel Costa, crítico e comisario de
arte, e un dos condutores do programa Retromanía
de Radio 3, acompañado de Toño Cabanelas, enxeñeiro audiovisual, DJ e VJ, e
director artístico do TEK-FEST. A inscrición a este simposio abrirase nos
vindeiros días.
A xeito de colofón, o sábado 1 de outubro o Demo Day amosará de xeito aberto a todo
o público que se achegue a Pontevedra os resultados destes 5 días de encontro e
intercambio de coñecemento, ferramentas e experimentos na cidade.
