Abril pechará con 184 centros de ensino galegos conectados á Rede a 100 Mbps

luns, 9 de abril do 2012 Redacción

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica, Mar Pereira, asegura que as melloras na banda larga permite o acceso a máis usuarios e servizos

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) completará este mes de redes de nova xeración con 100 Mbps de velocidade en 9 centros educativos das provincias de Coruña, Pontevedra e Ourense, que se suman aos 175 centros aos que xa se lles facilitara o acceso a esta tecnoloxía no último ano. A mellora destas infraestruturas de telecomunicación posibilita, ademais do incremento da velocidade de conexión, o acceso simultáneo dun maior número de usuarios e a posibilidade de traballar cun maior número de aplicacións informáticas.
Con esta actuación búscase dotar tanto ás cidades como ao rural da mellor conectividade posible, e de colocar á comunidade educativa na vangarda do progreso, con proxectos como o ABALAR para integrar as TIC no sistema educativo. A mellora da conectividade dos centros educativos é posible grazas á posta en marcha pola Xunta do Plan de Banda Larga de Galicia, que contempla entre as súas actuacións, e en colaboración co operador R, a extensión destas redes de nova xeración coas velocidades máis punteiras.
A implantación de redes de 100 Mbps permite multiplicar por 10 a velocidade de baixada e quintuplicar a velocidade de subida. Deste xeito o alumnado poderá ter un acceso máis efectivo á Rede, sen esperas ou contratempos; poderán conectarse simultaneamente un maior número de usuarios e permitirá o funcionamento de máis aplicacións informáticas cun tempo de resposta adecuado.