Aparece un importante fallo no reloxo da PlayStation 3

luns, 1 de marzo do 2010 Marcus Fernández

Usuarios de todo o mundo da PlayStation 3, máis concretamente do anterior modelo da consola de Sony (principalmente as que incluían un disco duro de 80 Gb) experimentaron na xornada de hoxe un vergoñento erro identificado co código 8001050F que impídelles non só conectarse á PlayStation Network e acceder ao seu contido, senón que tamén pode ter graves consecuencias ao modificar a data do sistema ao 1 de xaneiro de 2000, segundo parece, por detectar mal a data de hoxe, ou sexa, por calcular mal os anos bisestos, o que algúns consideran que sería un fallo semellante ao efecto 2000.
Detectado este problema, recoméndase a todos os usuarios da PS3 con modelos anteriores á actual slim que non conecten o seu equipo ata que avisen de teren solucionado este problema dende Sony (esperan facelo en menos de 24 horas), posto que de facelo podería haber consecuencia na perda das partidas gradadas polo xogador, imposibilidade de reproducir certas películas descargadas, perder os trofeos gardados e outros problemas inesperados.
É posible que haxa uns 22 millóns de consolas afectadas por este fallo, que non é exclusivo das conectadas á Internet (posto que afecta ao reloxo do sistema), aínda que é moi posible que os usuarios que non acendan a súa consola durante o 1 de marzo estean libres deste fallo, mentres que o resto deberían agardar ao lanzamento dun parche que corrixa as consecuencias deste erro da PS3, se non queren ter problemas imprevistos no futuro.

ACTUALIZACIÓN (2-2-2010): como era de agardar, pasado o día 1 de marzo o problema coas consolas PS3 desapareceu, e as consolas xa poden conectarse sen problema á PlayStation Network. Poden existir problemas en casos puntuais nos que recomendan fixar a hora actual manualmente para que a consola poida operar con normalidade.

O novo modelo da PlayStation 3 quedaría libre do erro 8001050F

PUBLICIDADE