Apple retransmitirá a Fórmula 1 nos EE.UU.

venres, 17 de outubro do 2025 Redacción

Apple e Fórmula 1 anunciaron un acordo que converterá a Apple TV na plataforma exclusiva de retransmisión das carreiras de Fórmula 1 nos Estados Unidose a partir de 2026. O contrato, de cinco anos de duración, incluirá toda a cobertura do campionato, desde os adestramentos libres ata as sesións de clasificación, os esprintes e os Grandes Premios.
O acordo amplía a relación entre ambas compañías, tras o éxito mundial de F1: La película, produción orixinal de Apple Studios que se converteu no filme deportivo de maior recadación da historia (superando os 629 millóns de dólares a nivel mundial), e que o vindeiro 12 de decembro se incorporará ao catálogo de Apple TV.
As retransmisións de Fórmula 1 poderán verse mediante subscrición a Apple TV, aínda que algúns adestramentos e carreiras seleccionadas estarán dispoñibles de forma gratuíta na aplicación. Ademais, Apple integrará contidos e información sobre o campionato en outros servizos do seu ecosistema, como Apple News, Apple Maps, Apple Music e Apple Fitness+.
A aplicación Apple Sports ofrecerá actualizacións en tempo real de cada sesión, táboas de clasificación, actividades en directo no bloqueo de pantalla e un widget específico para iPhone. Pola súa banda, F1 TV Premium seguirá dispoñible nos Estados Unidos a través dunha subscrición en Apple TV e será gratuíta para os usuarios que contraten o servizo.
Segundo datos de Fórmula 1, a súa audiencia nos Estados Unidos alcanzou os 52 millóns de seguidores en 2024, cunha crecente popularidade entre o público novo: case a metade dos novos afeccionados teñen entre 18 e 24 anos, e máis da metade son mulleres.
Nos vindeiros meses, Apple anunciará máis detalles sobre a produción das retransmisións, as melloras técnicas e as novas formas nas que os usuarios poderán seguir o campionato a través dos seus dispositivos, pero o que quedou claro é que conseguiron o obxectivo fixado cando decidiron producir o filme protagonizado por Brad Pitt.