Apróbanse os prezos maioristas para o roaming dentro da Unión Europea

mércores, 1 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

O Parlamento Europeo e o consello negociador chegou onte pola tarde a un acordo para fixar os prezos máximos que os operadores de telecomunicacións cobraranse entre si polo uso das súas redes de telecomunicacións en itinerancia, pechando así unha das condicións precisas para que o vindeiro 15 de xuño os cidadáns europeos teñamos a posibilidade de empregar o noso teléfono para realizar chamadas ou conectar á Internet dentro dos límites da Unión Europea cos mesmos custos que se estivésemos no noso país de orixe.
Diremos así adeus ao inxustificado sobrecusto pola telefonía en itinerancia dentro da Unión Europea, medida que algún operador xa adiantou hai meses, e que a partires de xuño será algo xeral, no que dende a Comisión Europea consideran «unha grande vitoria para os consumidores europeos».
Os prezos máximos fixados onte pretenden manter a competencia dentro dos mercados de telecomunicacións europeos, e serían incluso menores que os propostos inicialmente. Temos así que as compañías terán que pagar 0,032 euros por cada chamada de voz en itinerancia e 0,01 por cada mensaxe de texto, mentres que o prezo por GB de datos reducirase paulatinamente, partindo de 7,7 euros o 15 de xuño de 2017, e baixando cada 1 de xaneiro até chegar aos 2,5 euros por cada GB en 2022.
Queda agora que a Comisión de Industria aprobe formalmente o acordo acadado, trámite que oficializará as novas condicións do mercado que, entre outras cousas, facilitará o uso da banda larga móbil cando nos movamos pola Unión, necesidade demandada polos consumidores dende hai anos.

PUBLICIDADE