As actrices de A Panadaría presentarán a gala de Youbeir@s edición 2018

luns, 12 de marzo do 2018 Fernando Sarasketa

Xa se albisca ao lonxe o momento álxido da edición actual de Youtubeir@s, o concurso encamiñado a encher YouTube de vídeos en galego, feitos polas nosas novas directoras e directores e botando man de dous ingredientes fundamentais: a defensa da lingua galega e mailo talento da nosa mocidade. Por certo que o momento álxido do certame (cuxo prazo de inscrición remata o 15 de marzo) non é outro que a gala de premios do certame, que vai contar cunhas mestras de cerimonias de excepción: as integrantes da compañía teatral A Panadaría. A cita será o 20 de abril no Teatro Colón da Coruña. Participarán as actrices Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman. Segundo informa a organización do concurso, o público poderá acceder de balde á gala, tras reservar antes as súas entradas a través da ligazón específica do Teatro Colón.
Youtubeiras, como lembraremos, é unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística dos Concellos da Baña, Ames, Carballo, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago, Teo e O Grove, polas tres Universidades e pola Deputación da Coruña.
O obxectivo do Proxecto Youtubeir@s é “promover e dar visibilidade ao uso do galego a través da rede social de vídeos máis grande do mercado global, a rede YouTube”. O reto é “fomentar a creatividade con temas propios e xerar referentes en galego dun novo axente con gran repercusión social dende o mundo dixital como son os/as youtubeiros/as”.
Prazo até o 15 de marzo
Os galardóns artéllanse este ano, logo da primeira edición de 2017, en cinco categorías: video-facermos, vídeo-opinarmos, canle, creatividade, eficiencia comunicativa, calidade técnica, calidade lingüística e o premio do público. A estes cinco apartados poden concorrer todas as persoas maiores de 14 anos a través de vídeos de opinión ou videotitoriais autoproducidos en galego subidos a Youtube de xeito independente ou nunha canle.
Na edición presente haberá 5.500 euros en premios. Este repartiranse as ditas categorías, que incrementan o seu número con respecto ao ano pasado. O premio do público, chamado #propostayoutubeira, é unha das grandes novidades deste ano. Como temos sinalado dende Código Cero noutras ocasións, a través deste recoñecemento, os membros de Facebook poderán propoñer a través dun comentario no perfil de Youtubeir@s un vídeo do que sexan seareiros/as incluíndo o cancelo #propostayotubeira.
Segundo puidemos saber, a convocatoria 2017 saldouse cunhas importantes cifras de convocatoria, con máis de 200 vídeos presentados da man de internautas de idades comprendidas entre os 17 e os 30 anos. Todas estas pezas salientaron pola súa riqueza temática, tocando temas que oscilaron entre a crítica de cine e as cuestións de actualidade, pasando por titorías con trucos e consellos no ámbito da tecnoloxía, a mecánica ou a cociña. Ademais, lográronse altos niveis de implicación por parte de diferentes asociacións e colectivos, e de persoas de idades moi diversas.
“Deste xeito, o galego estase a espallar polo YouTube e a acompañar as novas linguaxes e modos de comunicación da chamada xeración milennial”, explica a organización.
A Panadaría
Fundada no ano 2013, A Panadaría converteuse nos últimos anos nunha das compañías referentes no panorama escénico galego. Co seu primeiro espectáculo Pan Pan! , a formación constituída por Noelia Castro, Areta Bolado e Ailén Kendelman obtivo o premio Xuventude Crea 2013 e o Premio da Crítica Galicia 2015. A partir dese espectáculo, desenvolveron dúas montaxes máis, Panamericana e Elisa e Marcela. Nesta última produción, a compañía fixo o primeiro achegamento escénico a Elisa e Marcela, as dúas mulleres que casaron en 1901 na Coruña. A Panadaría, ademais, ten presentado diversas entregas de premios como os Premios da Música Martin Códax.

PUBLICIDADE