A UVigo SpaceLab estrea unha estación terrea dotada de banda S

mércores, 3 de abril do 2024 S. P.

Este martes 2 de abril o alumnado da UVigo SpaceLab presentaba a súa nova estación terrea, unhas instalacións situadas no edificio vigués Filomena Dato, eixo do procesamento da sinal e futuro centro de control para a misión espacial BIXO, algo no que levaban máis dun ano traballando.
Deste xeito, onte a equipa responsábel deste proxecto explicaba polo miúdo nunha visita institucional que serviu de “posta de longo” desta nova infraestrutura e na que se contou coa participación do director de coordinación do Polo Aeroespacial de Galicia na Axencia Galega de Innovación (GAIN), Emilio Astray, que estivo acompañado da vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio; o vicerreitor de Transferencia e Sostibilidade, José Luis Míguez; o director do Campus Vigo Tecnolóxico, Daniel Villanueva, e o coordinador do grupo de investigación ATRG (Aerospace Technology Research Group) da UVigo Fernando Aguado.
“Esta nova estación ten unha inmensa vantaxe respecto a todas as que houbo até o de agora na Universidade e que se resume na súa altísima taxa de descarga de datos, grazas a que está dotada de banda S, fronte ás anteriores que eran en banda UHF”, explicaron durante a visita os integrantes da equipa. Dito doutro xeito: “se desde o satélite se saca unha foto e se quere descargar, coas antenas das que dispoñiamos até o de agora tardariamos unha semana en poder facelo, en cambio coa antena da nova estación pode facerse en apenas un día”.
A demostración comezou cunha análise detallada dos espectros de banda S e UHF, instrumento crucial para a misión, dado que estas bandas son as elixidas para a transmisión de datos do satélite BIXO. Mediante o uso de Radios Definidas por Software (SDR), amosouse aos participantes na visita como se poden identificar e distinguir as sinais recibidas dentro deses rangos de frecuencia.
Cómpre salientar a abraiante capacidade da estación para ser monitoreada e controlada remotamente. Neste senso, os responsábeis de UVigo SpaceLab apuntaron que mediante as cámaras de alta definición instaladas arredor da antena e noutros puntos estratéxicos, pódese dirixir e axustar a infraestrutura desde calquera parte do mundo.
Outro dos aspectos máis innovadores desta estación fai referencia ao seu manexo de múltiples zonas horarias en tempo real, “o que resulta esencial para a coordinación con outras estacións terreas e operacións satelitais a nivel global”. Esta capacidade asegura que a comunicación co satélite BIXO poida ser sincronizada con precisión, “independentemente da posición orbital do satélite ou a localización de colaboradores na terra”, un aspecto de elevada importancia dada a necesidade de coordinación requirida neste tipo de operacións espaciais.
O novo espazo albergará as bases de datos e software de control, ademais de servir como núcleo para a simulación electromagnética e estrutural. Esta capacidade de simulación resultará básica, segundo indicaron as alumnas e alumnos, para o deseño de antenas e para modelar estruturas dentro do ámbito espacial.

PUBLICIDADE