As chamadas entre países da Unión Europea baixan de prezo

mércores, 15 de maio do 2019 Marcus Fernández

JPEG - 114.9 KB
Mariya Gabriel e Andrus Ansip foron os encargados de dar conta do novo marco regulatorio o pasado mes de novembro

O pasado novembro o Parlamento Europeo votou a favor dunha nova normativa da Unión Europea en material de telecomunicacións, tal e como declararon conxuntamente no seu día o responsable do Mercado Único Dixital, Andrus Ansip, e a comisaria europea de Economía e Sociedade Dixitais, Mariya Gabriel, e que incluiría entre as súas disposicións unha regulación das chamadas dentro da Unión Europea que entran en vigor hoxe mesmo.
O novo marco regulatorio no ámbito europeo establece que a partires de hoxe as chamadas telefónicas a través de fixo e móbil e as mensaxes de texto dun país comunitario a outro están limitadas a 19 céntimos/minuto (+IVE) e a 6 céntimos/mensaxe (+IVE). Iso significa que as comunicacións telefónicas entre países comunitarios poderán realizarse a prezos moi inferiores aos que estamos afeitos sen a necesidade de contratar tarifas específicas para chamadas internacionais, aínda que cómpre salientar que falamos só de liñas telefónicas particulares (estando os clientes empresariais excluídos do regulamento de prezos, por existiren xa numerosas ofertas atractivas para eles).
Os países nos que se aplica o novo regulamento de telecomunicacións son Alemaña, Austria, Bélxica, Bulgaria, Chequia, Chipre, Croacia, Dinamarca, Eslovaquia, Eslovenia, España, Estonia, Finlandia, Francia, Grecia, Hungría, Irlanda, Italia, Letonia, Lituania, Luxemburgo, Malta, Países Baixos, Polonia, Portugal, Reino Unido, Romanía e Suecia.

PUBLICIDADE