As empresas de telecomunicacións ameazan con subir os prezos se o Goberno os forza a financiar RTVE

xoves, 7 de maio do 2009 Marcus Fernández

O Goberno de España anunciou que para cumprir coa súa promesa de eliminar a publicidade de Televisión Española implantarán un novo modelo para manter á televisión pública dun xeito bastante polémico, pois pretenden que a perda da publicidade privada sexa compensada por parte das outras canles televisivas e das operadoras de telecomunicacións, que xa amosaron o seu rexeitamento a financiar o 24% do orzamento de RTVE.
As operadoras estiman que a taxa que pretende imporlles o Goberno é ilegal e non só ameazan con pedir o amparo de Bruxelas ante esta medida, senón que tamén ameazan con subir as tarifas aos seus clientes incluso detallando nas facturas a parte que correspondería ao novo concepto (e resaltándoo en vermello, para que os usuarios sexan conscientes de que a suba de prezos non está provocada polas operadoras).
Dende Redtel (asociación que agrupa a Telefónica, Vodafone, Orange e Ono) denuncian que nos últimos anos incrementáronse as súas taxas dun xeito moi superior a outras industrias, que en 2007 xa pagarían 568 millóns de euros polo uso do dominio público, o espectro radioeléctrico e o financiamento da CMT, aos que habería que engadir 200 millóns de euros polo pago do servizo universal (que oscila entre 70 e 120 millóns de euros anuais), o almacenamento de datos de tarxetas prepago por motivos de seguridade (50 millóns de euros) e outros servizos peor cuantificados (coma o das chamadas de emerxencia).
Non hai que esquecer que o sector das telecomunicacións xa fai uns investimentos de preto de 5.000 millóns de euros ao ano para renovar as súas tecnoloxías e poder competir, polo que o incremento de taxas podería ser un freo para estes gastos.