As grandes superficies comerciais de Vigo xa gozan de conectividade 4G

martes, 30 de decembro do 2014 Redacción

As dez principais superficies comerciais de Vigo (C. C. Camelias, C.C. Gran Vía, C.C A Laxe, C.C Praza Elíptica, C.C. Meixoeiro, C.C. Cidade Universitaria, C.C. Travesía, El Corte Inglés e os dous establecementos de Alcampo) contan xa con cobertura de banda larga ultrarrápida móbil grazas ao despregamento efectuado por Telefónica nas súas instalacións e que permite velocidades de navegación en Internet que poden chegar ata os 100 Mbps, posibilitando así a descarga e a compartición instantánea de arquivos como música ou contidos en alta definición e o goce de videoxogos en liña.
Telefónica tamén dotou con tecnoloxía 4G ao Porto e á Zona Franca da cidade, facilitando así o seu acceso ás empresas instaladas na zona e continuando co esforzo investidor en comunicacións móbiles que veu desenvolvendo nos últimos anos, o que supuxo a activación de 138 nodos de 4G nas principais cidades galegas.
A compañía ofrece, tamén tanto na fronte marítima de Vigo como nas súas grandes áreas comerciais, servizo 3G avanzado (con velocidades de até 42 Mbps). Cabe sinalar ademais que, en Galicia, a cobertura móbil é superior á media española, e só en 3G acada ao 98% da poboación (cando a media estatal é do 74%), chegando a practicamente o 100% co resto das tecnoloxías.

PUBLICIDADE