As habitacións dun hotel compostelán acollerán un evento de formación sobre marketing low cost

mércores, 8 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

O director xeral de Pepephone protagonizará a primeira edición de The Net Room

O vindeiro 7 de febreiro botará a andar en Compostela un novo evento de formación pioneiro en España, The Net Room, co que pretenden xuntar ata 40 persoas para pórse ao día de temas moi especializados e de grande actualidade, centrando a súa primeira edición no marketing low cost, para o que contarán coa presenza de Pedro Serrahima, director xeral de Pepephone, operadora móbil virtual (OMV) de grande éxito que é un bo exemplo destas prácticas emerxentes.

The Net Room celebrará a súa primeira edición no Hotel Moure

O máis curioso deste tipo de encontros é que celebraranse nas instalacións dun hotel, de xeito que os interesados poden adquirir por 25 euros o coxín que será a entrada ao evento e o seu asento, xa que este concepto de room learning busca fuxir das formalidades dos atrís e as butacas, conseguindo unha mellor conexión entre relatores e oíntes.
Tras a intervención de Serrahima completarase esta actividade cunha segunda cápsula formativa sobre programas e técnicas (de balde ou moi económicas) para promover produtos e servizos, unha sesión de asesoramento exprés e un aperitivo para fomentar o networking entre os asistentes.
The Net Room é unha iniciativa de dúas galegas moi involucradas na promoción a través da Internet, como son Laura Camino e María Mosquera, sendo esta última a que impartirá o relatorio sobre ferramentas de marketing low cost. O enclave elixido para a primeira edición de este encontro será o Hotel Moure, sino na rúa Loureiros de Compostela, e destacando polo seu deseño e arquitectura, dando unha ambientación claramente diferente a un encontro deste tipo.