As metodoloxías intelixentes aproximan a SOGAMA ao vertido técnico cero

luns, 20 de xaneiro do 2020 Redacción

SOGAMA celebra estes días os seus 20 anos de actividade, e faino facendo un balance do que conseguiu a sociedade medio-ambiental ao longo destas dúas décadas de andaina e, tamén, elaborando un reconto dos fitos tecnolóxicos que quere acadar: fitos que teñen todos en común a transformación da entidade cara os modelos plenos de industria intelixente e 4.0. Os balances do que se fixo e do que se vai facer viñeron da man da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Váquez, quen destacou que todos os recursos que se están a poñer en xogo teñen o reto común de “situar a Galicia á cabeza da redución e reciclaxe de residuo”. Segundo os seus datos, todo apunta a que en 2020 conseguirase a taxa do vertido técnico cero (10%).
A conselleira tamén lembrou que SOGAMA, grazas á súa aposta pola eficiencia, a rendibilidade e as tecnoloxías intelixentes, ten a día de hoxe capacidade para procesar 15.000 toneladas anuais de materia orgánica dos municipios máis próximos, co fin de obter ata 4.000 toneladas de compost e avanzar no obxectivo europeo de reciclar o 50% deste tipo de residuos xa en 2020.
Ángeles Vázquez recordou igualmente que “nos últimos anos” apostouse pola construción e equipamento dunha nova planta de recuperación de materiais contidos na bolsa negra e por remodelar a planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustíbel.
A titular de Medio Ambiente salientou que “a calidade” de hoxe é froito dunha serie de actuacións de optimización e eficiencia que levan ano desenvolvéndose e aplicándose. De feito, recordou que foron 31 millóns de euros os que se destinaron á construción e equipamento da nova planta para a recuperación de materiais contidos na bolsa negra, “en liña coa Industria 4.0”, e operativa dende novembro de 2018.
Industria 4.0
Grazas á implantación dos sistemas propios da Industria 4.0 na planta de recuperación de refugallos contidos no lixo convencional, a compañía xa conseguiu en 2019 recuperar até 11 tipoloxías de materiais (que se entregan aos centros recicladores para que sexan convertidos en novos recursos e reincorporados ao circuíto comercial cunha nova vida).
SOGAMA tamén fixo saber, recentemente, que coa entrada en funcionamento desta instalación, que conformou a primeira fase da ampliación do complexo medioambiental de Cerceda, a compañía pública “multiplicará por catro a súa contribución á reciclaxe e chegará en 2020 ao vertido técnico cero (10%)”, esixencia imposta polo Parlamento Europeo para todos os Estados membros no horizonte do ano 2035. A Sociedade Galega do Medio Ambiente mostrou o seu convencemento nas vantaxes da innovación tecnolóxica: grazas á fórmula e a colaboración cidadá, “facilítase o camiño cara á economía circular na nosa Comunidade”, engade a entidade.


PUBLICIDADE