As negociacións entre Apple e Vodafone para a comercialización do iPhone en Europa poderían estar nun punto morto

venres, 29 de xuño do 2007 Marcus Fernández

No día do lanzamento do iPhone nos EE.UU. moitos son os rumores que falan do seu lanzamento en Europa, que sería no mes de decembro e que podería incluír unha versión avanzado do móbil de Apple con soporte de 3G (principal deficiencia do terminal actual, polo que xa hai usuarios que critican a súa lentitude na navegación web).
Nos EE.UU. é AT&T a compañía que ten en exclusiva o móbil, e varias operadoras están en conversas con Apple para achegar o iPhone a Europa, estando máis maduras no caso de Vodafone, que podería facerse coa comercialización do terminal aínda que está a atopar problemas na negociación coa compañía de Steve Jobs, Vodafone comprométese a un volume de vendas acorde co mercado europeo pero en contraprestación quere máis liberdade á hora de fixar o prezo do terminal, que en no mercado americano está a entre 499 e 599 dólares e precisa dunha permanencia de 2 anos na operadora de telefonía (así como a contratación dun plan de datos). Pero Vodafone precisa de certa flexibilidade para fixar o prezo do iPhone xa que no mercado europeo xa hai distintos terminais con prestación semellantes (aínda que non tan populares) e a estratexia de comercialización americana non sería sostible en Europa (lembremos que, de manter o contrato con AT&T durante 2 anos, aparte do elevado prezo do iPhone habería que facer fronte a un pago total de entre 1.400 e 2.400 dólares segundo o plan de datos contratado).
O trato de Apple con AT&T está considerado coma unha auténtico órdago, e así, para que AT&T poida ter a exclusividade de distribución do iPhone o terminal non se activará ó comprar o móbil na tenda, senón a primeira vez que o usuario se conecta a iTunes, ou sexa, que Apple se fai cos beneficios da compra de contidos multimedia mediante o terminal mentres que AT&T se ten que conformar cos servizos de voz e datos dos seus usuarios, o que está claro que é posible grazas ó impacto mediático que fai que o iPhone sexa o dispositivo electrónico máis desexado e agardado da historia.