As novas plataformas loitan por coller o relevo da televisión tradicional

xoves, 5 de abril do 2018 Marcus Fernández

Esta mañá o Pazo de Cultura de Carballo acolleu a celebración das actividades da Zona Pro do Carballo Interplay, que comezaron cun panel sobre A televisión e os contidos nativos de Internet: experiencias e novas plataformas, na que participaron representantes de Playz, Flooxer, CRTVG e Mtmad, deixando clara a demanda de novas plataformas audiovisuais para recoller o público que abandona a tiranía da grella televisiva tradicional, á vez que que manifestaron as dificultades de facerse un oco dentro da inmensa oferta de contidos actual.

Abriron o panel o subdirector de contidos e transmedia de RTVE, Alberto Fernández, e Agustín Alonso G., responsable de webseries de Playz, que deron conta dos contidos cos que están a traballar actualmente e insistiron na necesidade de ter unha boa oferta dixital para non deixar de lado un novo sector da audiencia para a que «Netflix é a nova tele».

Flooxer: consolidándose entre o público novo

O director de Flooxer, Emilio Sánchez Zaballos, deu conta da evolución da súa plataforma, que durante os últimos anos foi todo un referente estatal, xa que esta plataforma de Atresmedia foi das que máis forte apostou polos novos formatos, e que pasou de ser unha plataforma de vídeo de curta duración con formatos estrela, contidos selectos e alto valor publicitario a converterse na marca de Atresmedia para os mozos, con contidos de maior duración, optimización dos formatos adaptados á construción da grella e incluso coa creación de marcas segmentadas.
Actualmente Flooxer conta cun millón de usuarios únicos ao mes, xerando 3 millóns de visualizacións de vídeo e cunha audiencia que nun 72% está en España, é un 59% masculina, ten entre 18 e 24 anos de idade no 46% dos casos e consómese nun 70% dende dispositivos móbiles, o que contrasta bastante cos medios tradicionais, máis envellecidos e ligados ao consumo no televisor.
Sánchez salientou a necesidade de manter a liberdade dos creadores, á vez que tamén quixo matizar que non buscan competir co que certos influencers fan nas súas canles habituais, senón que cando os fichan prefiren diferenciarse e, por exemplo, no caso de AuronPlay, en vez de publicar monólogos fronte a webcam, optan por un formato de entrevistas.

A CRTVG apostará polos cativos e a educación

José Pereira Fariña, director da Área de Innovación e Negocio da CRTVG, reflexionou sobre o feito de que a televisión tradicional aínda ten moito que dicir e, de feito, continúa a ser líder grazas á súa forza en concorrencia e cobertura, superando sobradamente os volumes de audiencia dos das novas plataformas dixitais, pero recoñecendo que no caso do público máis novo as plataformas dixitais están máis presentes, e por iso explicou que a canle dixital educativa para Internet que está a preparar a CRTVG, que están a desenvolver en colaboración coa AMTEGA, busca precisamente achegarse ao público máis permeable aos contidos dixitais.
Pereira sostén que no contorno dixital os contidos de lecer están máis que cubertos, mentres que os informativos e formativos non teñen a mesma presenza, de aí que optasen polo ámbito educativo e polas escolas como canle para chegar aos pequenos, aínda que non desbotan explorar outros públicos e formatos nos vindeiros anos.

Mediaset confía na realidade

Pecharon o panel Jesús Gómez Carbón e Clara Gavilán de Mtmad, plataforma de Mediaset que busca atrapar as novas audiencias que non están na televisión, para o que apostan por fuxir da ficción e centrarse no lecer e na realidade, o que parece estar a darlles bos resultados.
Expuxéronse así distintas fórmulas tan diferentes como complementarias, que deixan en evidencia a evolución das plataformas dixitais, quedando agora nas mas dos creadores o desenvolver contidos e formatos que poidan callar entre os públicos emerxentes que cada vez están máis abertos a propostas innovadoras.

PUBLICIDADE