As operadoras de telefonía móbil garantirán a cobertura na costa durante o verán

luns, 2 de xullo do 2007 Marcus Fernández

A chegada do verán e a migración poboacional á costa supón todo un reto para as operadoras de telefonía móbil, pois teñen que reestruturar as súas instalacións para permitir que a xente poida contar con cobertura durante as súas vacacións, que se complica aínda máis coa emerxencia das conexións de datos, pois cada día hai máis usuarios que, afastados do seu domicilio, empregan o móbil para conectarse á Internet.
Tendo isto en conta as operadoras aseguran que teñen os seus deberes feitos, e que o acceso á Rede dende as costas españolas está garantido, polo que móbiles e portátiles poderán acceder á Internet dende as propias praias grazas ó reforzo das infraestruturas nas zonas nas que a hai unha maior demanda de usuarios durante o período estival.
As operadoras afirman que non só achegarán GPRS e UMTS, senón que en moitos casos se poderán establecer comunicacións HSDPA, ou sexa, que se establecerán conexións a velocidades moi semellantes á do ADSL doméstico, o que agradecerán os usuarios aínda que precisen dos axeitados plans de datos para que estas conexións se cobren a uns prezos soportables.
O crecemento da demanda deste tipo de servizos vai paralelo ó incremento de ordenadores portátiles, que se poden conectar á Rede dende case calquera lugar valéndose de tarxetas PCMCIA, modems USB ou mesmo conectándose ó móbil (a solución máis económica), de xeito que afastarse da casa durante os meses de bo tempo non implica perder a conexión con resto do mundo.