As posibilidades do dixital centrarán o Foro Academia Aberta que comeza o día 30 na Coruña

venres, 24 de novembro do 2006 Fernando Sarasketa

A imaxe e o audiovisual xa nunca serán os mesmos, logo da concorrencia a tódolos niveis do tecnolóxico e, máis concretamente, desa linguaxe baseada en longas e (para algúns) desconcertantes ringleiras de ceros e uns: a dixital. Así están as cousas: hoxe é moito máis barato dedicarse á fotografía ca antes e todo, absolutamente todo, é máis fotografable agora ca hai unha década, tendo en conta a cantidade de xente que vai armada cunha cámara. Ademais, se falamos de audiovisual, os novos formatos e as redes abren e incrementan as posibilidades de difusión e de accesibilidade.
O tema dá para moito, e (coloquialmente falando) collelo polos cornos é o gran obxectivo do Foro Academia Aberta 2006 que vai organizar a Academia Galega do Audiovisual entre o 30 e o 1 decembro, Foro que este ano dedicarase precisamente á cuestión coa que abrimos: Fotografía Dixital. Os primeiros pasos.
En termos da propia Academia, que presentou a xuntanza este venres 24 en Santiago, o encontro vai encamiñado a “amosar como se desenvolve o traballo cinematográfico nos escenarios dixitais emerxentes, os procesos necesarios tanto na pre-produción, a rodaxe e a posprodución para a realización dunha longametraxe –aínda que tamén se poden aplicar a outros formatos como as películas para televisión, as series ou os documentais”.
A xuntanza, que incluirá unha mesa redonda na que se tratará de representar tódolos procesos que implica o dixital, celébrase na sede do Centro Galego das Artes da Imaxe, na Coruña. A continuación, incluímos o programa, facilitado pola propia Academia Galega do Audiovisual.

Os contidos da xornada do 30 pola mañá

Intensas sesións de catro e cinco horas de duración ocuparán o tempo dos asistentes nas xornadas do día 30 e do 1 de decembro. Ás 9 da mañá do día 30, presentaranse os test realizados coa cámara dixital de ARRI D20, empregada por primeira vez en España durante o TEA 2006. Estas probas son test técnicos fotográficos que analizan aspectos como poden ser a latitude, a resolución ou a cor. A presentación desta actividade corre a cargo de Alfonso Parra. Logo, abrirase un debate sobre estas probas, e prepararanse as rodaxes en soporte dixital; para iso, contarase coa presenza de Pol Torrents, director de Fotografía, que amosará os test que foron realizados para a rodaxe da película Salvador; Joan Riedweg, realizador e produtor, amosará algúns dos seus traballos realizados en soporte dixital dende 4K ata o HDV e, posteriormente, o director de fotografía galego Suso Bello, amosará tamén os seus traballos realizados nos formatos dixitais.
Esta sesión, que durará até as 14.00 horas, implicará o tratamento de temas como a preparación da rodaxe en dixital, a elección da cámara, os factores que determinan o elixir un soporte ou outro, as condicións técnicas e económicas, etc.

A xornada do 30 polo serán

Dende as 16.00 e até as 20.00 horas, a mesa redonda pretende amosar como se desenvolve o proceso fotográfico dixital na posprodución. Esta mesa, que será moderada por Alfonso Parra, tratará sobre a posprodución dixital e o laboratorio dixital, con Juanjo Carretero. Parte das cuestións que se desenvolverán neste encontro son: que é e cómo funciona o laboratorio dixital, a relación do laboratorio dixital co analóxico tradicional, as tendencias (2K, 4K, sistemas de almacenamento, formatos de arquivos hai estándares?, etc…), etc.
O día 1 ás 10 da mañá
A xornada deste día comezará cunha mesa redonda na que se tratará sobre A cinematografía dixital: situación actual e previsións de futuro. Nela estarán:
Director de fotografía, Alfonso Parra (a.e.c.) (moderador).
Director de fotografía, Paul Torrents.
Realizador e produtor, Joan Riedweg.
Posprodución dixital, Chema Remacha Kinema.
Produtor/distribuidor, Bernard Elías, Mediapro.
Empresas audiovisuais, Nuria Paniagua InfoTV (Membro da xunta directiva de AITE).
Distribución/exhibición, Javier Alonso de Google/ Vídeo.

… e polo serán…

Tamén haberá Mesa Redonda dende as 16:00 horas e ata as 21:00, continuando coa mesma materia comezada na xornada da mañá. Desta volta, os participantes:
Suso Bello. Director de fotografía.
Xavier Eiriz. Director de produción.
Guillermo Represa. Montador.
Miguel Asensio. Produción executiva.
José Alberto. Sonido Área 5.1.
Susana Maceiras. Produtora Adivina Producciones.

PUBLICIDADE