As rebaixas de verán chegan a Steam

venres, 22 de xuño do 2018 Marcus Fernández

Un ano máis chega o verán, e con el as rebaixas de Steam, a meirande tenda dixital de xogos para PC, que até o 5 de xullo ofrecerá numerosos descontos, combinando ofertas que están dispoñibles durante todo o período de rebaixas con algunhas promocións destacadas a diario, facendo así que os habituais desta plataforma non deixen de visitala ningún día para comprobar se hai algún desconto atractivo nalgúns dos seus xogos desexados.
Entre as últimos oferta podemos ver The Division cun 80% de desconto, Prey a metade de prezo, Warhammer: Vermintide 2 cun desconto do 34%, Just Cause 3 cunha impresionante rebaixa do 85%, Marvel’s Guardians of the Galaxy: The Telltale Series a metade de prezo e moitas máis.
Pero este ano hai unhas rebaixas que sorprenden especialmente, pois afectan a hardware, vendéndose o Steam Controller a 36,84 euros (33% de desconto) e o Steam Link a 2,75 euros (95% de desconto), aínda que a rebaixa deste último pode non sorprender tanto se temos en conta que este periférico para moitos usuarios pasa a ser irrelevante dende que pode substituírse por unha aplicación móbil que fai a súa función.
As rebaixas de Steam gozan de moita sona, non só por permitir mercar os grandes éxitos do momento con descontos atractivos, senón tamén por ofrecer a posibilidade de mercar grandes títulos a prezos inferiores a 10 euros ou incluso a 5 euros, de xeito que os xogadores máis modestos poden ampliar a súa colección de xogos sen facer un grande desenvolvemento económico.

PUBLICIDADE