As teses da Universidade de Santiago xa están no servidor estatal TDR
venres, 30 de setembro do 2011
O coñecemento espállase, que algo bo tiña que
ter a Rede. Segundo informa a USC, pola vía das TIC estase a satisfacer xa unha
demanda de información que afecta non só á comunidade educativa, con tódolos
seus integrantes, senón tamén ao futuro mesmo da investigación e da
produtividade empresarial pola vía da innovación. Falamos das teses de doutoramento,
traballos até hai pouco limitados a auditorios reducidos pero que en base ao
servidor TDR están a disposición de
quen queira consultalos. Por certo que no seu seo tamén están, xa, as teses da USC -que o seu
Servizo
de Publicacións aloxa en acceso aberto dende 2007.
Sinalar que TDR, Teses Doutorais en Rede, é un
repositorio cooperativo de acceso libre e consulta íntegra que incorpora,
dixitalizadas, as teses expostas nas universidades do Estado polo vieiro do protocolo OAI-PMH,
ficando os dereitos de autor protexidos a través de licenzas Creative Commons,
que permiten o libre emprego dunha obra sempre e cando se recoñeza a autoría
orixinal. Agora o dito repositorio vense de enriquecer coa contribución da
Universidade de Santiago, que ve nesta achega unha boa ocasión para favorecer a
proxección dos traballos da súa comunidade. Segundo conta Juan Blanco, director
do Servizo de Publicacións da USC, “esta é unha magnífica oportunidade para
difundir o traballo investigador da nosa Universidade no ámbito internacional”,
e máis se temos en conta que TDR intégrase á súa vez na rede internacional Networked Digital Library of Theses and
Dissertations (NDLTD) que impulsa creación,
o uso, a difusión e a preservación de teses electrónicas.