Asturias levará a fibra óptica a tódalas localidades con máis de 1.000 habitantes
mércores, 5 de agosto do 2009
A fibra óptica vén de recibir un importante pulo en Asturias. Segundo informa Europa Press facéndose eco de fontes do Goberno autonómico, o Principado vén de optar polo afianzamento e medre da dita tecnoloxÃa de acceso á Sociedade do Coñecemento grazas a unhas axudas orixinalmente concibidas para apoiar outra cobertura: a da TDT. Estes financiamentos, procedentes do Goberno central para mellorar o acceso á Televisión Dixital Terrestre, encamiñaranse agora a ampliar a rede pública de fibra óptica ata o fogar, a rede Asturcón, cara a novas áreas xeográficas.
Os motivos da decisión, dada a coñecer pola Consejera de Administracións Públicas (Ana Rosa Migoya), veñen dados por un estudo das prioridades tecnolóxicas de Asturias: segundo o Goberno autonómico, arestora non son precisos na súa totalidade os 35 millóns de euros que España lle achega para a TDT, polo que se destinarán unha parte dos mesmos á extensión da banda ampla, outro dos obxectivos que o Ministerio de Industria posibilita.
A intención do Principado é levar a fibra óptica a aquelas zonas onde a oferta privada nunca terÃa proxectado chegar, sobre todo por cuestións de suposta falta de rendibilidade (espallamento xeográfico, escasa densidade demográfica, etc.). Con este motivo, sinala o Goberno asturiano, o que se quere é que as localidades de máis de 1.000 habitantes teñan conectividade coa rede FTTH, Asturcón. Serán en total 50.000 os fogares aos que chegará a fibra óptica pública grazas a esta iniciativa.
