Australia terá conexións 3G a 21 Mbps antes de rematar o ano

mércores, 8 de outubro do 2008 Marcus Fernández

As conexións de datos dende o móbil coñecidas popularmente por 3G poderían alongar bastante a súa vida, e así como se pasou dos 384 Kbps aos ata 7,2 Mbps que por HSDPA temos actualmente en España, en Australia xa están a comezar a implantar a tecnoloxía eHSPA, tamén coñecida como HSPA+ e que permite velocidades de ata 21 Mbps (agardándose para 2009 unha actualización que dobre esta velocidade ata os 42 Mbps), o que permite aproveitar mellor as redes actuais sen ter que agardar á telefonía móbil de cuarta xeración (LTE) para ter unhas conexións cada vez mellores que poidan rivalizar coas tecnoloxías baseadas en redes de cable.
A australiana Telstra sería a primeira empresa en saltar á tecnoloxía eHSPA ou HSPA+, e non se agarda que se popularice en Europa en breve, pero as operadoras de seguro que recibirán cos brazos abertos unha tecnoloxía que lles permite explotar as súas licenzas actuais con máis eficiencia, polo que o vindeiro salto tecnolóxico poderá agardar a un mellor período económico.