Baixa de prezo o Nokia 5800 XpressMusic

luns, 19 de xaneiro do 2009 Marcus Fernández

A resposta de Nokia ao iPhone de Apple, o Nokia 5800 XpressMusic, anunciárase inicialmente a un prezo de 279 euros, pero finalmente Nokia o puxo á venda libre por 429 euros, o que parecía tratarse dunha estratexia pensada na campaña de Nadal, o que permitía que operadoras coma Movistar puidesen aproveitar tal política de prezos para subvencionar o terminal de xeito que anime aos usuarios a contratar tarifas cun compromiso de permanencia, o que podería reducir o prezo do móbil de 249 a 0 euros.
Pasada a romaría, Nokia vén de actualizar o prezo do seu atractivo móbil multimedia, e agora pódese adquirir libre o Nokia 5800 XpressMusic por 339 euros, o que está preto do prezo inicial anunciado (que sería duns 323 euros de sumarlle o IVE), unha cantidade aceptable para moitos que queren facerse cun terminal dese tipo sen atarse a unha operadora e a unha tarifa plana de datos.