Balatro amplia o seu alcance

martes, 25 de febreiro do 2025 Marcus Fernández

Semella que ao xogo de naipes Balatro a cousa non podía irlle mellor pois, tras superar os 5 millóns de unidades vendidas e recibir tres galardóns nos The Game Awards, reciben unha magnífica nova por parte do organismo regulador do selo PEGI, que atendendo a unha apelación por parte de Playstack acepta reducir a clasificación do xogo de PEGI 18 a PEGI 12.
Os responsables de Balatro conseguiron convencer de que o feito de que o xogo de construción de naipes con elementos de roguelike pese a ter elementos propios do póker é diferente dabondo como para distanciarse do xogo de apostas. De feito, creador de Balatro xa se ten manifestado publicamente en contra de que o seu xogo poida ser licenciado ou vendido a algunha compañía de apostas.
Coincidindo con esta relaxación da clasificación por idades de Balatro o xogo sorprende incorporándose ao Xbox Game Pass, de xeito que os subscritores do servizo de xogos de Microsoft poden facerse con Balatro para o seu goce en Xbox One, Xbox Series X|S, PC e mesmo a través da nube, sen ter que pagar os 14,99 euros polo que se vende o título de xeito independente, o que presumiblemente disparará o número de xogadores que se achegará a este título, facendo aínda maior o seu éxito.

Vídeo co que celebran a chegada de Balatro ao Game Pass