Balidea sumouse á celebración do Día das Rapazas nas TIC
venres, 25 de abril do 2014
Este xoves, como
lembramos en Código Cero, celebrouse o Día Internacional das
Mulleres na TIC, conmemoración
á que se sumou o CESGA co seu Día das Rapazas nas TIC. Pois
ben, amais da participación activa do Centro de Supercomputación de
Galicia, houbo máis mostras de compromiso por parte das nosas
entidades e empresas. Como por exemplo a de Balidea, cuxas
profesionais sumáronse a unha data dende a que se trata de
visualizar e amosar (por unha banda) as posibilidades do sector
tecnolóxico-dixital para as mulleres e (pola outra) o importante
labor que teñen despregado as mulleres no impulso da Sociedade do
Coñecemento e das tecnoloxías.
As mulleres de Balidea
lembran que a empresa está
a achegar un vídeo realizado co obxectivo de amosar o día a día
de traballo da oficina e que formará parte do proxecto europeo
ICT-Go-Girls! que coordina o CESGA e que ten como finalidade aumentar
o interese das estudantes polas TIC. Segundo informan dende a
compañía galega, hai moito traballo que facer neste ámbito da
paridade e da igualdade profesional nas novas tecnoloxías. Ao xuízo
das traballadoras e traballadores da empresa, “os estereotipos de
xénero seguen sendo a ser cruciais á hora de decidir a carreira e o
futuro profesional que unha persoa propón ao rematar os estudos de
secundaria; unha realidade que lonxe de ser unha peculiaridade dun
territorio concreto, é aplicábel ao conxunto do planeta”.
Coa arela de combater
esta realidade naceu precisamente o proxecto europeo ICT-Go-Girls!,
dirixido ás rapazas estudantes de secundaria, co fin de
proporcionarlles unha imaxe máis atractiva do mundo das tecnoloxías.
O proxecto, coordinado polo CESGA, conta tamén co apoio de Balidea,
cuxas profesionais “quixeron formar parte del en parte polo que ten
de convocatoria para todos os actores relevantes deste ámbito, desde
escolas, universidades e profesionais da investigación ata as
empresas do sector”. A concorrencia de Balidea na iniciativa está
a materializarse en feitos como o devandito vídeo de presentación,
unha achega audiovisual que abre Mila Rey facendo unha presentación
da realidade da compañía, na que salienta que está formada por
preto de 200 profesionais dos que boa parte dos cales son mulleres.
No vídeo pódese
comprobar que os camiños que levan a recalar no mundo das TIC poden
ser moi variados, “ao mesmo tempo que se desmontan os estereotipos
de frikis ou asociais existentes cara os profesionais
da informática xa que, polo contrario, un dos aspectos que máis se
valora no desenvolvemento dos proxectos é o traballo en equipo”,
sinálase no mesmo. Asemade, saliéntase que no día a día das
profesionais de Balidea “non hai lugar para o aburrimento, xa que a
diversidade de tarefas e a aprendizaxe constante fan desta unha
profesión moi recomendábel”.