Bankinter lanza a tarifa plana de datos móbil por 19 euros/mes

luns, 15 de decembro do 2008 Marcus Fernández

O operador móbil virtual de Bankinter permite aos seus clientes conectase á Internet pagando 14 céntimos por cada 100 Kbytes transferidos (cun pago máximo diario de 1,4 euros de non superar os 100 Mbytes/día) pero os usuarios interesados nunha banda larga móbil poden optar ao que parece ser a tarifa plana de datos con tráfico ilimitado máis barata do mercado, pois só custa 19 euros/mes, nas que se inclúe 1 Gb de transferencia a unha velocidade de ata 3,6 Mbps, que ao superarse baixa a 32 Kbps sen cargo adicional (o que evita sustos para o consumidor).
Para facer máis atractiva esta oferta, dende Bankinter tamén ofrecen a posibilidade de adquirir un modem USB Huawei E220 por 49 euros (o que custaría 99 euros fóra desta promoción) e incluso estudan a posibilidade de ofertar ultraportátiles subvencionados ao longo de 2009, aínda que dende a compañía queren deixar claro que non pretenden «gañar cartos con este servizo, senón estreitar a relación co cliente do banco polo que non é importante a conta de resultados destes produtos. Estreitamos moito as marxes e facturamos o menos posible».