Betanzos disporá este ano da rede de fibra óptica de Telefónica

mércores, 18 de maio do 2016 Redacción

O Concello de Betanzos anunciou os días pasados que o termo municipal contará este ano con tecnoloxía de rede de fibra óptica na meirande parte do territorio. Máis polo miúdo, a operadora Telefónica iniciará no mes de agosto a instalación da dita infraestrutura tecnolóxica, precisa para fornecer acceso avanzado de banda larga. Segundo fixo saber o alcalde, Ramón García Vázquez, os traballos prolongaranse até decembro deste mesmo ano. Así llo comunicaron os responsábeis da compañía de telecomunicacións en Galicia, encabezados pola directora rexional Marta Menéndez Martínez.
O despregue tecnolóxico, fixo saber o alcalde, cobre un importante obxectivo do Goberno local, o de fornecer os máis avanzados recursos de acceso ás redes, demandados por boa parte da poboación de Betanzos. “A fibra”, engadiu o rexedor, “cubrirá a maior parte do municipio chegando tanto a vivendas como a locais”. Previamente, ao comezo do despregue, realizarase por parte de persoal técnico de Telefónica de España un anteproxecto do deseño da rede e as zonas a cubrir de maneira paulatina. “A achega da fibra realizarase a través de cables de gran capacidade que se irán ramificando en cables menores a medida que se achegan aos domicilios dos potenciais clientes”, engadiu o Concello, reflectindo informacións da empresa.
Outra das particularidades é que as actuacións levaranse a cabo aproveitando principalmente as canalizacións soterradas xa existentes. “De maneira excepcional, onde non existan estas canles subterráneas, aproveitaranse os tendidos aéreos por postes ou trazados por fachadas, en función das características construtivas da área a cubrir”, engadiu o rexedor, apuntando que o investimento previsto supera o millón de euros.

PUBLICIDADE