Blau lanza a primeira tarifa plana de datos móbil de prepago

venres, 26 de xuño do 2009 Marcus Fernández

Coa chegada do verán veñen tamén novas ofertas de banda larga móbil, e unha das máis rechamantes é a que lanza a operadora móbil virtual Blau, pois a súa tarifa plana BIMgo funciona baixo o modelo de prepago, e ofrece 1 Gb de descarga a máxima velocidade, tras o que reducirá a velocidade a 32 Kbps (sen sobrecuste) por 21,5 euros/mes, o que nun principio serviría para usos ocasionais coma ler o correo electrónico e consultar algunhas novas, pero pode satisfacer perfectamente aos que non queiran quedar desconectados no verán e tampouco queiran atarse a un compromiso de permanencia cunha operadora de telecomunicacións.
Para facer máis atractiva a súa oferta, dende Blau tamén venden un modem USB Alcatel X060 por só 49 euros, o que incluiría 1 mes de navegación de balde, converténdose nunha excelente promoción para as vacacións.
O devandito modem 3G USB non só serve coma dispositivo para acceder á Rede, senón que tamén integra unha memoria interna de 64 Mb ampliable a través de tarxetas microSD de ata 16 Gb.