Boa cámara e unha pantalla moi brillante son a aposta dos Realme GT 6 e 6T

xoves, 20 de xuño do 2024 Marcus Fernández

Aínda que continúan a estar lonxe da conta de mercado de Xiaomi, dende Realme seguen a lanzar produtos moi atractivos, coidando moito a relación entre prestacións e prezo, sendo o seu novo expoñente o Realme GT 6, que cun procesador Qualcomm Snapdragon 8s Gen 3 promete estar preparado para a IA, á vez que presume dos 6.000 nits que pode acadar a súa pantalla (aseguran ter a pantalla máis brillante do mercado).
Este smartphone pode equiparse con entre 8 e 16 GB de RAM LPDDR5X e 256/512 GB de almacenamento interno UFS 4.0; a nivel de cámaras pode presumir dun sensor estabilizado Sony LYT-808 de 50 Mpíxeles, que está acompañado por un ultra grande angular de 8 Mpíxeles e un teleobxectivo para retratos de 50 Mpíxeles, mentres que a cámara frontal conta cun sensor de 32 Mpíxeles. Tamén é salientable a súa batería de 5.500 mAh con carga rápida de 120 watts.
Os seus prezos están entre os 549,99 euros do modelo con 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento, até os 671,72 euros da versión con 16 GB de RAM e 512 GB de almacenamento.
Como alternativa esconómica estaría o Realme GT 6T, que mantén unha configuración semellante, pero reduce o seu procesador até un modelos Qualcomm Snapdragon 7+ de 3ª xeración, o que permite que poida ter un prezo de 399,99 euros, o que é unha cantidade moi axustada para un dispositivo cunha cámara moi avanzada e unha pantalla cun brillo impresionante. Este modelo chegaría unicamente nunha configuración con 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento.

Vídeo no que anunciaron os novos Realme GT 6

PUBLICIDADE