Chega a España o Amazfit Helio Ring

luns, 17 de xuño do 2024 Marcus Fernández

Amazfit está a coller a dianteira a fabricantes como Samsung ao pór á venda en España o Amazfit Helio Ring a un prezo de 299,99 euros, inicialmente só un par de talles, coa previsión de que no futuro estea dispoñible en 7 talles distintos.
O Amazfit Helio Ring é un discreto accesorio delgado (2,6 milímetros de grosor), lixeiro (menos de 4 gramos) e resistente á auga, que pode facer un seguimento do ritmo cardíaco, o nivel de osíxeno en sangue e o estrés, podendo servir tamén para facer un seguimento do sono. Compleméntase cunha aplicación móbil que facilita a interpretación dos datos recollidos. Tamén poderá sincronizarse coas aplicacións deportivas máis populares (adidas Running, Google Fit, Apple Health, Strava...).
O dispositivo ten unha autonomía de até 4 días e pode cargarse sen fíos en aproximadamente unha hora e corenta minutos.
Amazfit tamén permitirá a compra do novo anel de xeito conxunto con reloxos conectados Cheetah Pro, T-Rex Ultra e Falcon, o que reduciría á metade o prezo do anel. Deste xeito apóstase pola unificación de datos de actividade entre reloxo e anel, facilitando o acceso a esta información.

PUBLICIDADE