Boeing e GAIN participan no CIAR nunha demostración de tecnoloxías para a seguridade do tráfico aéreo

martes, 22 de setembro do 2020 Sonia Pena

A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, participou este martes nas demostracións que a empresa Boeing realizou no seu laboratorio de simulación de continxencias de voo situado nas instalacións do Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR), en Castro de Rei, Lugo. As probas tiveron por obxecto mostrar a capacidade e funcións dos sistemas desenvolvidos no marco do contrato Galician SkyWay de compra pública pre-comercial. As demostracións forman parte das probas de validación técnica do peche deste proxecto para a seguridade do tráfico aéreo non tripulado, que remata o vindeiro mes de outubro.
A directora de GAIN destacou a contribución da multinacional aeronáutica para consolidar o CIAR como un referente a nivel mundial na experimentación, simulación, ensaios en voo, validación e mesmo pre-certificación e certificación de tecnoloxías no eido dos avións non tripulados, no marco do Polo Aeroespacial de Galicia.
Pola súa banda, o director de estratexia e desenvolvemento de negocio de Boeing Research & Technology Europe, Eduardo Carrillo, subliñou que este proxecto, en colaboración cos seus socios galegos, “foi un exemplo de colaboración público-privada e un éxito desde o punto de vista tecnolóxico”.
Segundo o responsable de Boeing, a Civil UAVs Initiative, en combinación coas instalacións do CIAR, proporcionoulles “unha oportunidade singular para avanzar en tecnoloxías relevantes para a integración de sistemas autónomos no espazo aéreo compartido”.
Este programa, denominado Galician SkyWay e dotado cun investimento público-privado de 10,2 millóns de euros, ten como obxectivo principal “dar resposta aos problemas técnicos actuais e futuros que se poidan propor nun escenario no que os drons e os avións non tripulados teñan unha alta implantación”.
Galician SkyWay inclúe seis proxectos que buscan ofrecer unha solución tecnolóxica específica para as distintas situacións que poden producirse en voo e que foron identificadas polas axencias de seguridade aéreas como claves (perda da comunicación coa estación base, incapacidade de detectar e evitar colisións, perda de sinal procedente das infraestruturas de axuda á navegación e localización como o GPS, perda de impulso do motor, perda de enerxía e perda de control sobre o UAV por actos de interferencias).

PUBLICIDADE