Boottle.es organiza unha cata-sorpresa na edición viguesa de Galicia en Coworking

xoves, 7 de xuño do 2012 Marcus Fernández

Greg Prévôt presentará Boottle.es na edición de mañá de Galicia en Coworking

O evento Galicia en Coworking celebrará mañá en Vigo a súa segunda convocatoria, buscando facer doado o networking e os negocios exprés entre emprendedores, autónomos e empresas. O encontro terá lugar no Hotel Carrís Beiramar, e aparte de numerosas citas rápidas entre os asistentes, tamén reservará un espazo para a presentación de 3 proxectos da man dos seus respectivos relatores: Pepe Solla (organizador do Forum Gastronómico), Marga Borreguero (directora da Fundación Fedys), Reinaldo Aguilera (impulsor en Galicia de Betabeers) e Greg Prévôt (fundador de Boottle). Precisamente este último, autodefinido como un “galego con acento (e moito)”, vai agasallar aos presentes cunha cata-sorpresa na que terán que pór a proba o seu padal para adiviñar, sen coñecer o nome dos viños, a súa calidade e a adega á que pertencen.
Boottle é un proxecto de venda de viño (con máis de 5.000 referencias) nacido en España, que actualmente conta con presenza en Francia e Suíza, e aproveitará a participación en Galicia en Coworking do seu fundador, un emprendedor francés afincado en A Coruña, para anunciar os seguintes pasos na súa internacionalización, agardando proxectarse a Dinamarca, Bélxica e Holanda nos vindeiros meses e pechar o ano con operacións en Chile.
Esta plataforma de comercio electrónico está aberta a todas as adegas que queiran vender o seu viño, ofrecendo unha grande variedade de viños e destilados, dende Galicia ata Champaña e dende 5 ata 20.000 euros.

PUBLICIDADE