Bota a andar o foro internacional de arte e cultura dixital SINTE

xoves, 20 de novembro do 2025 Redacción

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, inaugurou no Gaiás a primeira edición de SINTE, un encontro que pretende situar Galicia na primeira liña internacional das artes dixitais. A cita, que se desenvolve os días 20 e 21 de novembro en Santiago de Compostela, reúne máis dunha vintena de figuras destacadas deste ámbito procedentes de Francia, Italia, Turquía, Portugal, O Xapón, así como de Galicia e doutros puntos de España.
Na súa intervención, o conselleiro subliñou o compromiso da Xunta por «aproveitar a ventá de oportunidade que ofrece un sector punteiro como as artes dixitais», lembrando que a tecnoloxía «non só representa un motor social e económico», senón tamén «un potente activo» para o patrimonio cultural galego e para as industrias creativas da Comunidade.
López Campos referiuse tamén ao avance das obras do futuro Centro de Artes Dixitais da Cidade da Cultura, que iniciará a súa actividade no segundo semestre de 2026 e aspira a converterse nun espazo de experimentación con tecnoloxías, linguaxes e formatos diversos, acollendo tanto creadores galegos coma proxectos internacionais de referencia.
O programa desta primeira edición de SINTE abriu cunha conferencia de Ferdi Alici, cofundador e director de Ouchhh Studio, figura de referencia mundial na creación dixital e responsable de proxectos para institucións e compañías como o Gran Museo Exipcio do Cairo, o Museo Mori de Toquio, Google, a NASA ou a saga cinematográfica Misión imposible. Durante dous días, a programación reúne expertos nacionais e internacionais e inclúe mesas redondas, intervencións especializadas e propostas artísticas que exploran novas fronteiras da creación dixital.
O encontro complétase con actuacións e espectáculos como a performance audiovisual Materia, do francés Maotik, e unha dobre función do coreógrafo e bailarín xaponés Hiroaki Umeda, unha das figuras destacadas da vangarda nipoa pola súa integración de danza, movemento e tecnoloxías contemporáneas.
As prazas presenciais están esgotadas, pero o foro pode seguirse en liña a través da web e da canle de YouTube da Cidade da Cultura: