Bulletstorm e Yakuza Kiwami son os xogos de PS4 que achega PS Plus en novembro

mércores, 31 de outubro do 2018 Marcus Fernández

A magnífica selección de Xogos con Gold que Microsoft ofrecerá en novembro non semella ter sido incentivo dabondo para que Sony ofreza títulos de peso a través de PlayStation Plus, cun mes de novembro bastante esquecible pese á proximidade da campaña de Nadal (cando normalmente reforzan esta selección para animar aos futuros subscritores a pagar a cota correspondente para os vindeiros meses).
O xogo para PlayStation 4 máis importante no PS Plus de novembro sería Yakuza Kiwami, un remake da primeira entrega da saga Yakuza, que só ten sentido como un xeito de introducirse nesta serie de xogos que mesturan drama, suspense, simulación social e acción de tipo arcade.
Para un público máis amplo chegaría o xogo de acción en primeira persoa Bulletstorm: Full Clip Edition, que como principal baza ten o só ter ano e medio, pero que paso totalmente desapercibido entre o catálogo de PS4, polo que non parece que vaia espertar especial interese.
Completará a oferta de xogos para PS4 un título cortesía de PlayStation Talents, Flynn & Freckles¸ unha aventura de corte clásico con quebracabezas e exploración, que pode resultar un entretemento aceptable, aínda que sobre dicir que estamos ante un título independente que nos seus apartados técnico e artístico semella sacado do catálogo da primeira PlayStation en vez da consola de sobremesa actual.
Os xogos de PS3 de novembro serían auténticos descoñecidos, Arkedo Series e Jackbox Party Pack 2; mentres que os títulos de PS Vita, Burly Men At Sea e Roundabout, destacan por poder xogarse ambos en PS4.

PUBLICIDADE