CINFO únese ao consorcio que impulsa un único identificador global para produtos de lecer

xoves, 9 de xuño do 2016 Redacción

CINFO, filial do operador de raizame galega R centrada en servizos e aplicacións de vídeo na nube, vén de confirmar a súa adhesión ao Entertainment ID Registry (EIDR), consorcio internacional adicado a impulsar uso dun único identificador global para produtos de lecer, incluíndo filmes e series de TV. Trátase dunha entidade sen arela de lucro que dá acubillo, tamén, a firmas de contidos, pos-produción, distribuidores, vendedores e provedoras de tecnoloxía. Segundo sinalan fontes de CINFO, a empresa galega é a primeira da nosa terra, e de todo o ámbito estatal, en integrarse no dito consorcio. A identificación “EIDR”, engade a filial de R, “axuda e acelera as oportunidades do contido local para venderse no estranxeiro”.
Segundo explica Xavier Ferreiro, director comercial de CINFO. “moitos dos nosos clientes decatáronse de que a distribución de vídeo significa prestar especial atención aos metadatos que acompañan ao vídeo e isto significa que a identificación de contidos é moi necesaria no mundo dixital”.
Pola súa banda, Darío Janeiro, director de contidos de CINFO, analiza deste xeito o potencial que se abre coa integración no consorcio: "O rexistro EIDR axudaranos a automatizar os fluxos de traballo e a enriquecer a distribución de contidos, medicións de audiencia e máis". E engade: “Estamos avanzando de continuo na cobertura e profundidade dos nosos produtos de metadata e a mellor forma de facelo é cuns estándares válidos en todo o mundo”.
Por certo que o identificador de contido EIDR e as aplicacións e solucións da plataforma poden ser empregadas de maneira eficiente por “todos os actores da cadea de valor dixital”, engade a firma galega, que salienta a ampla marxe de uso en ámbitos como a publicidade, a distribución multiplataforma, a medición e o rastrexo.
Como dixemos, o consorcio EIDR é una asociación industrial sen ánimo de lucro que manexa identificadores universais para unha ampla gama de empresas de televisión e cinema. EIDR mantén directivos e persoal de soporte técnico en Europa e Norteámerica.

PUBLICIDADE