CLUSAGA e o Clúster de Enerxía do País Vasco crean Agrovoltech, un proxecto agrovoltaico intelixente
luns, 5 de febreiro do 2024
A procura de novas enerxías e a demanda de alimentos fai que a cantidade de solo dispoñíbel apto para a súa produción mingüe sen esquecer a necesidade de facer un uso responsábel do mesmo. Así xorde a agrovoltaica, que permite combinar a xeración de enerxía fotovoltaica e a produción agrícola mediante a instalación de paneis solares sobre terreos de cultivo, optimizando así o uso do solo cultivábel. Os paneis fotovoltaicos instálanse a unha altura determinada sobre o cultivo para non comprometer a actividade agraria e esta, á súa vez, benefíciase da protección que a instalación achega fronte ao exceso de calor e irradiación solar.
Neste contexto nace Agrovoltech, un proxecto que pretende desenvolver un sistema innovador baseado nunha rede de sensórica e algoritmos de modelado e control para instalacións agrovoltaicas de múltiples tipoloxías, tanto no referente a localizacións como a tipos de cultivo, coa capacidade de realizar sombreados intelixentes e proporcionar así as condicións óptimas para o crecemento dos cultivos. Deste xeito, xeraranse tecnoloxías e solucións 4.0 que permitirán modificar a posición dos paneis en función de múltiples parámetros, permitindo harmonizar produción agrícola e a xeración de enerxía renovábel.
Dicir que esta iniciativa, dinamizada polo Clúster de Enerxía do País Vasco co apoio do Clúster Alimentario de Galicia (CLUSAGA) e implementada polas pemes Powerfultree, Libelium e PISA, Proyectos de Innovación, está financiada pola convocatoria 2023 de apoio a Agrupacións Empresariais Innovadoras (AEI) do Ministerio de Industria, Comercio y Turismo (MINCOTUR). Asemade, conta co apoio da Unión Europea a través dos Fondos NextGenerationEU e o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
Alén de Agrovoltech, CLUSAGA involúcrase na execución doutro proxecto pertencente á mesma convocatoria en calidade de membro do consorcio. Trátase de Powerlog que, liderado por DIHGIGAL, enfócase á optimización da loxística na industria marítima a través dunha plataforma baseada en IA e computación cuántica.
Asemade, CLUSAGA está a coordinar a execución de catro proxectos beneficiarios da convocatoria de apoio a AEIs do MINCOTUR. VitIA 5.0 pretende mellorar a produtividade e sustentabilidade do sector vitivinícola mediante a aplicación de IA, IoT e biotecnoloxía; IA40WASTE pretende promover a eficiencia dos procesos produtivos da industria alimentaria minorando as mermas de produción na etapa industrial; DIG4.0VO, cuxo obxectivo é o sector avícola de posta, oriéntase a lograr unha cadea de valor eficiente, de calidade, comprometida co desenvolvemento sostíbel e con garantías de benestar animal; e MEATwin permitirá mellorar a planificación e produción do sector cárnico mediante a recollida de datos, sensorización e visualización de indicadores